A Xunta non investigará os seus pagamentos ao despacho de Montoro
A Xunta da Galiza non fará ningunha investigación sobre os pagamentos que o Goberno galego fixo ao despacho fundado por Montoro por valor de 172.838 euros e que a Axencia Tributaria recolle na súa investigación. "Non é necesario abrir unha investigación porque non hai ningún motivo", afirmou o presidente Alfonso Rueda a preguntas da prensa após o Consello da Xunta.
"Creo que a oposición pediu eses documentos", proseguiu Rueda, sinalando que non terá problema en facilitarllos. Mais, non haberá investigación. "Non o vexo necesario", concluíu.
Entre a listaxe de clientes para os que traballou Equipo Económico, o despacho fundado polo ex ministro Cristóbal Montoro, atópase a Xunta da Galiza cando a presidía o actual líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo. Así o mostra un Informe da Axencia Tributaria recollido no sumario, e no que no que consta un cantidade cobrada polo despacho e procedente da Xunta por valor de 172.838 euros no período 2008-2019.
Na reunión semanal do Goberno galego, realizada onte en San Caetano, deuse o visto e prace a diversos acordos, como o do trazado da nova variante de Carballo (Bergantiños) ou investir case seis millóns de euros en reforzar redes e conexións da Xunta da Galiza de cara a posíbeis apagamentos e fenómenos similares.
Saúde dos menores
O Consello aprobou o proxecto de lei de protección da saúde dos menores e prevención de condutas aditivas, que agora remite ao Parlamento, un texto que prohibe a venda de vapeadores e bebidas enerxéticas a menores.
Entre outras cuestións, esta norma equipara as bebidas enerxéticas co alcol e os vapeadores ao tabaco. Por tanto, ningún destes produtos poderán venderse aos menores de idade na Galiza, a primeira comunidade en regular e prohibir a venda e consumo destes produtos entre os menores de idade. Ademais, o texto reforzará a capacidade para tomar medidas fronte a fenómenos como o 'botellón'.