A Xunta "mantén ocultos" 13 contratos a dedo co despacho de Montoro, investigado por corrupción
O PSdeG denuncia que a Xunta da Galiza continúa sen facer pública a documentación completa de 13 contratos asinados a dedo cun despacho fundado polo ex ministro Cristóbal Montoro, investigado por corrupción, e alerta de graves irregularidades administrativas e falta de rigor técnico en informes clave para decisións estratéxicas como a fusión das caixas galegas.
O Grupo Parlamentario Socialista vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego para exixir explicacións á Xunta da Galiza pola falta de transparencia nas contratacións realizadas co despacho Equipo Económico, fundado polo ex ministro de Facenda Cristóbal Montoro e investigado penalmente por presuntos delitos de organización criminal e tráfico de influencias.
Segundo explicou este 2 de xaneiro a deputada socialista Patricia Igrexas, a Xunta formalizou un total de 13 contratos con este despacho entre os anos 2009 e 2011, durante a Presidencia de Alberto Núñez Feixoo, por un importe global de 172.838 euros. Porén, denuncia que até o momento o Goberno galego non facilitou unha información completa, ordenada nin verificábel sobre o contido real destes traballos, a súa utilidade efectiva nin a xustificación administrativa das adxudicacións.
Igrexas advertiu de que, tras acceder o pasado 12 de setembro aos expedientes de contratación, o Grupo Socialista detectou feitos de "especial gravidade institucional". Entre eles, a existencia de documentos que non pasan de simples borradores sen data nin sinatura, informes sen autoría identificada e materiais xenéricos que se limitan a reproducir normativa fiscal estatal sen ningunha adaptación ás competencias propias da Comunidade Autónoma.
A deputada socialista sinalou tamén a presenza dun arquivo en formato PowerPoint sobre a fusión das caixas galegas que carece de conclusións técnicas ou recomendacións finais, mais que foi empregado como soporte político para xustificar "unha das decisións económicas máis transcendentes da historia recente da Galiza".
O mesmo día no que se revisaron os expedientes, o Grupo Socialista solicitou formalmente copia íntegra de todos os contratos menores adxudicados a Equipo Económico, así como dos informes finais asociados a cada un deles. A día de hoxe, esa documentación continúa sen ser remitida, o que, segundo Igrexas, supón un incumprimento dos principios de transparencia, colaboración parlamentaria e control democrático da acción do Goberno.
A iniciativa rexistrada polo PSdeG reclama agora que a Xunta entregue de maneira inmediata toda a documentación pendente, dea explicacións sobre os criterios empregados para a adxudicación reiterada de contratos a un mesmo despacho e revise os seus procedementos internos de contratación. En particular, instan a reforzar os controis nos contratos menores para garantir a trazabilidade documental, evitar a fragmentación indebida e asegurar unha fiscalización efectiva do gasto público.