A Xunta iguala certificados de empresas e da Administración nas licenzas para construír unha vivenda
O Goberno galego pretende mudar a lei para permitir que á hora de tramitar as licenzas municipais para construír unha vivenda os certificados emitidos polas Entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom, empresas privadas cunha función semellante ás de xestorías) teñan "a mesma validez e efectos que os informes técnicos municipais", en palabras da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue.
As Entidades de certificación de conformidade municipal (Eccom) son entidades privadas dotadas de personalidade xurídica e que desenvolven actuacións de certificación,verificación, inspección e control da conformidade de instalacións, estabelecementos e actividades coa normativa aplicábel no ámbito municipal. Un instrumento de colaboración público-privada, como o define a Xunta da Galiza, que de saír adiante a reforma que impulsa o Goberno galego vai ter —coa desculpa de "axilizar prazos e reducir burocracia"— en determinados trámites relacionados coa vivenda un peso equivalente ao da administración municipal.
A reunión semanal do Goberno galego acordou esta segunda feira remitir ao Consello Consultivo un decreto para permitir que estas empresas teñan maiores competencias en trámites relacionados coa vivenda. A xustificación do Goberno galego para dar este paso é que, en palabras da conselleira na comparecencia após o Consello da xunta, necesítanse "axilizar, simplificar e reducir" os prazos para construír unha vivenda. O cambio proposto "atribúe aos certificados emitidos pola Eccom, e que acompañe unha solicitude de licenza dun particular, a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais", dixo Martínez Allegue.
Unha vez presentada esa solicitude polo promotor da vivenda acompañada do certificado da empresa privada, o Concello ten o prazo dun mes para resolver se concede ou non o título habilitante. Un procedemento que xa funciona, en Madrid, Barcelona ou Valencia, afirmou a conselleira. Os concellos poderán, en todo caso, dixo Martínez Allegue, "excluír esta intervención das Eccom", mais sempre mediante unha ordenanza municipal. Para estes casos de"exclusión municipal", proseguiu, os particulares que presenten a súa licenza e transcorridos os tres meses estabelecidos por lei para ditar resolución, non reciba resposta, ese promotor poderá presentar "o certificado Eccom" e comezará a correr o pazo dun mes para que Concello dite resolución.
Esta é unha medida demanda por concellos, particulares e o sector, concluíu a conselleira, citando entre os requisitos a cumprir por estas empresas, "ter persoal cualificado, un seguro de responsabilidade civil e estar inscritas no rexistro da Xunta da Galiza".
Bono comercio
Entre as medidas aprobadas esta segunda na xuntanza semanal do Executivo galego está a dunha nova edición do bono comercio, que poderá descargarse na web da Xunta a partir de mañá e con 30 euros por bono. Esta edición ten unha dotación de 8,5 millóns. Tamén aprobou o Consello, como explicou o presidente, Alfonso Rueda, a posta en marcha de 20 novas casas do maior —cinco prazas por centro—en diferentes comarcas ou destinar axudas a 2.700 explotacións gandeiras polas perdas provocadas pola enfermidade hemorráxica epizoótica.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o seu Executivo dirixirase ao Consello Consultivo da Galiza para solicitarlle un informe sobre a constitucionalidade do decreto que regula a repartición dos menores migrantes. Farao, segundo dixo o xefe do Executivo autonómico ao termo da reunión semanal con vistas a presentar un recurso contra unha medida do Goberno que dirixe o Executivo de Sánchez que definiu como "un trágaa sen diálogo".