Rueda recúa tras as críticas do ensino: a Xunta estabelece que os colexios estarán abertos na Galiza se hai un apagamento
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou o impulso de protocolos en varios ámbitos, como o educativo ou o sanitario, cos que se busca "mellorar a capacidade de resposta" ante unha emerxencia como o apagamento xeral que afectou a península Ibérica hai 15 días.
Non en balde, Rueda, quen presidiu en Lugo a reunión semanal do seu Executivo, afeou ao Goberno estatal que pasasen dúas semanas e non haxa información sobre as causas do sucedido. "Van 15 días e non temos nin idea do que pasou e vai para longo sabelo", queixouse, para concluír que, en consecuencia, "é difícil prever que non volva pasar".
Neste contexto, enmarcou a decisión da Xunta de protocolizar determinadas cuestións que provocaron certos problemas ou confusión no recente apagamento, coma se os centros educativos estaban ou non abertos, unha cuestión que xerou numerosas críticas no ámbito do ensino. A nova normativa determinará que o estarán para facilitar a conciliación, aínda que haxa que suspender a actividade lectiva.
Ámbito sanitario
No ámbito sanitario, a Xunta fará un protocolo específico para garantir a continuidade na atención aos pacientes electrodependentes para que sigan recibindo atención nos seus fogares ou se deriven a algún centro sanitario.
E na mesma liña, ampliarase o número de xeradores na Atención Primaria. "Había moitos centros de saúde que dispoñían deles ou varios, mais non todos, e imos ampliar o número de xeradores nos centros de Atención Primaria", aseverou.
Tamén se revisará o estado dos mesmos no caso das residencias de maiores (neste caso, o presidente da Xunta puntualizou que este tipo de centros si teñen xa xerador en todos os casos), e fixarase "un protocolo básico" para homoxeneizar o modo de actuar ante unha emerxencia deste tipo.