A Xunta deixou sen executar 460,8 millóns de euros de fondos europeos en 2023
O Consello de Contas suspende a Xunta da Galiza en materia de xestión de fondos comunitarios. Segundo se recolle no relatorio Informe de fiscalización dos fondos europeos, o Goberno galego deixou sen executar 32,2% do total dos fondos achegados polos diversos programas da Unión Europea, entre eles os denominados Next Generation, na anualidade de 2023.
O relatorio do órgano fiscalizador das contas e da xestión económico-financieira do sector público galego indica que, dun total de 1.434,6 millóns de euros dispoñíbeis nas distintas liñas, só foron executados pola Administración galega 973,2 millóns, limitándose os pagamentos a 790,5 millóns. A este respecto, desvela que o Goberno galego deixou sen executar 460,8 millóns en 2023, unha contía relevante atendendo ás partidas recollidas nos orzamentos galegos.
Os fondos de procedencia comunitaria non executados pola Xunta da Galiza superan en 256 millóns a cantidade dedicada a políticas de vivenda nas contas públicas de 2025, que suman 204,8 millóns de euros. Na mesma dirección, exceden en 14,6 millóns a contía de todas as partidas recollidas nos orzamentos galegos dese ano para políticas de emprego. E, ao tempo, significan unha cantidade máis alta que a achegada en 2025 polo Goberno galego para I+D+i, que se sitúa en 313 millóns.
Contas critica a falta de eficiencia do Goberno galego na xestión dos fondos comunitarios. Neste punto, o informe desvela que "a execución dos orzamentos xerais da comunidade autónoma medida en termos de recoñecemento de obrigas e pagos realizados en relación sobre os correspondentes créditos definitivos, foi de 93,4% e 84,5%, respectivamente, fronte a 67,8% e 55,1% destes mesmos cocientes respecto dos fondos europeos". Nesta liña, conclúe que "estes diferenciais negativos mantéñense ao longo da serie histórica".
O órgano de control demanda mudanzas na gobernanza dos programas comunitarios. A este respecto, indica que "é preciso adaptar a estrutura organizativa da administración da comunidade autónoma da Galiza para obter maior rendibilidade posíbel no emprego dos recursos financeiros procedentes de Europa". Nesta dirección, recomenda que "deberían concentrarse as operacións naqueles sectores, en correspondencia cos obxectivos do marco financeiro 2012-2027 e naquelas unidades administrativas, entidades públicas ou privadas especializadas neles".ç
Facenda alega o carácter "plurianual" dos fondos para xustificar a baixa execución en 2023
Fontes da Consellaría de Facenda replicaron esta quinta feira ao informe do Consello de Contas que os fondos europeos "non poden ser analizados nun ano concreto" debido ao seu carácter plurianual. Sobre o relatorio, o departamento que dirixe Miguel Corgos opina que a execución dun exercicio "non mostra o estado real de execución dos programas".
Facenda defende que a Xunta "executou a totalidade dos recursos asignados nos programas 2014-2020 dos fondos estruturais (Feder e FSE), así como as partidas incluídas do fondo REACT-EU". "A execución total destes programas, que fecharán a finais de 2025, despois dos últimos controis sobre o gasto certificado, suporá o reembolso por parte da Unión Europea da totalidade dos fondos asignados nos programas rexionais da Galiza", agregou o organismo.
Deficiente xestión da auga
O Consello de Contas presentou outro relatorio onde analiza a xestión dos servizos de auga nos concellos. Nel, recolle que con carácter xeral "a planificación do servizo non é completa, debido á falta de plans plurianuais, estudos económicos e estudos de viabilidade". Neste punto, indica que "a maioría dos concellos non distinguen os gastos correspondentes a cada servizo relacionado coa auga.
A institución advirte do incumprimento da normativa comunitaria. Así, destaca que "con carácter xeral non se promove un uso sustentábel do recurso hídrico", e asegura que "se cumpren de forma parcial os principios da Directiva do arco de auga, como son o principio de benestar social e o principio de transparencia, aínda que non se cumpren o principio de uso racional e eficiente e o principio de responsabilidade polo estabelecemento do consumo mínimo, e non é posíbel verificar o principio de equilibrio económico financeiro pola falta de contabilidade analítica".