A Xunta ameaza con retirar a protección policial ás vítimas da violencia machista
A Xunta da Galiza ameazou esta quinta feria con retirar a protección policial ás mulleres vítimas da violencia machista. Fíxoo por boca do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que afirmou que están dispostos a retirarlle á Unidade da Policía Nacional adscrita da Galiza (UPA) as tarefas de protexer estas mulleres.
Segundo os datos do Goberno estatal, 6.161 mulleres están vixiadas na Galiza ante o risco de sufrir violencia machista, un número que duplica as que en 2015 estaban nesa situación. En outubro pasado 50 mulleres estaban en risco "alto ou extremo" de ser albo de violencia de xénero.
Porén, o Executivo galego está disposto a deixar sen protección as vítimas da violencia de xénero se o Estado non reforza os recursos e efectivos da Unidade Adscrita. Calvo fixo manifesta a "preocupación" da Xunta ante a "falta de vontade" que ve no Goberno español en relación a alcanzar un acordo que permita cubrir o persoal da UPA, actualmente con 338 axentes.
Unha "falta de diálogo" que, lamentou, "imposibilita avanzar na firma dun novo convenio para cubrir as prazas pendentes e completar o persoal de 500 axentes, poñendo en perigo a prestación dos servizos".
"Gravidade intolerábel", di Branco
As declaracións de Calvo tiveron pronta resposta do delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, que manifestou que eran dunha " gravidade intolerábel". "O Goberno galego está disposto a pór en risco a protección das vítimas de violencia machista para presionar nunha negociación co Estado", criticou.
Ante a falla de efectivos, a Xunta di que non é posíbel garantir a prestación de servizos que non son competencia autonómica" e, por tanto, "deberá facerse cargo deles o Ministerio do Interior". É o caso da protección en situacións de violencia machista, servizo, remarca a Xunta, "de competencia exclusivamente estatal e no que a Xunta coopera desde 2016, en base a un acordo de colaboración".
Contra unha policía integral
O PP votou no Parlamento en varias ocasións en contra de propostas e iniciativas que propuñan, en base ás competencias estabelecidas no estatuto, dotar a Galiza dunha policía "integral", con recursos e persoal suficiente e equiparábel a outros corpos existentes no Estado.