O BNG insta Rueda a desautorizar Diego Calvo e a garantir a protección das vítimas de violencia machista
O BNG instou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a desautorizar de maneira inmediata o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras advertir o Goberno español de que ou se avanza na renovación do convenio e mellora da Policía adscrita ou retiraralle tarefas como protexer as vítimas de violencia machista.
O deputado Iago Tabarés criticou que o conselleiro "cruzou todos os límites do admisíbel" no que considera a estratexia de "radicalización do PP na súa confrontación co Goberno estatal".
Para o parlamentario do BNG, o Executivo galego responde á "obediencia ás instrucións do PP madrileño", o que tamén "fixo que a Xunta renunciara á creación dun corpo de policía galega" do mesmo xeito que Euskadi, Catalunya ou Nafarroa.
Nesta liña, Tabarés reprochou a "incapacidade" de Diego Calvo, así como de Alfonso Rueda, anterior conselleiro de Presidencia, para renovar o convenio co Ministerio do Interior, "vencido xa en 2008", polo que, engadiu, "xa puido ser negociado co Goberno do PP".
"Esta neglixencia na xestión, esta submisión aos intereses do PP madrileño, non a poden pagar as vítimas de violencia de xénero", subliñou.
Por todo iso, esixiu a Rueda que desautorice "de maneira inmediata" o conselleiro Diego Calvo e que garanta a protección das vítimas de violencia de xénero.