A Xunta alega para que non se condone a débeda á Galiza
A débeda pública galega incrementouse durante os primeiros seis meses deste ano en case mil millóns de euros, situándose nos 12.886 millóns e representando 15,3% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, segundo os datos máis recentes, publicados o pasado mes de setembro polo Banco de España.
A xa coñecida oposición do Goberno galego á condonación de 4.010 millóns de euros da débeda ofrecida polo Goberno estatal —medida pactada no seu día polo BNG e o PSOE no acordo para investir Pedro Sánchez como presidente do Goberno do Estado— tivo esta segunda feira un novo episodio.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, que presidiu o Consello da Xunta ante a ausencia do presidente Alfonso Rueda, que pasará esta semana uns días de descanso, avanzou que o Executivo galego presentará alegacións contra o anteproxecto de lei de condonación da débeda.
A preguntas de Nós Diario sobre o anuncio feito no seu día polo Goberno de que ía recorrer xudicialmente a condonación, Calvo afirmou que esa vía segue sobre a mesa. Os argumentos do Goberno galego son, en palabras de Calvo, que esa condonación "non perdoa a débeda, mutualízaa entre todos", malia que a 'quita' supón condonar 32% do débito público da Galiza.
O conselleiro, ademais, afirma que eses 4.000 millóns 'condonados' non poderían destinarse a gasto social, algo, porén, que non se prohibe no anteproxecto aprobado polo Executivo español e é un extremo que ten sido negado desde a oposición, tanto polo BNG como polo PSdeG.
O Executivo galego afirma que esta condonación non vai "mellorar" a solvencia da Galiza, malia que a aplicación da medida suporía rebaixar en un terzo a actual débeda da Galiza, débeda pola cal só en 2025 a Xunta destina 1.763 millóns de euros a lle facer fronte.
Lei do Litoral
O Goberno galego tamén aprobou na súa reunión desta segunda feira un informe que cifraba en a redor de 1.600 os bens de valor arquitectónico, arqueolóxico ou etnográfico que hai no litoral galego.
Deses, os 867 que son de valor arquitectónico e industrial poderán pedir un cambio de uso, un paso que colectivos ambientalistas e de defensa do patrimonio denunciaron no seu día como un "abrir as portas" á "hotelización" do litoral galego.
Certificado de igualdade
Na reunión semanal do Goberno galego tamén se aprobou o Decreto que regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector -estas últimas, organizacións privadas sen ánimo de lucro- recoñecidas con este distintivo. Este certificado recoñecerá aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes.
Tamén se deu o visto e prace na xuntanza do Executivo á realización do programa Adestrar sen pantallas, gañar en saúde, unha iniciativa para fomentar o uso responsábel das tecnoloxías entre os menores e promover a actividade física como alternativa saudábel; así como a constituír o Observatorio galego do Xogo, coa finalidade de avaliar e estudar políticas a desenvolver n4ste sector.
O Executivo avalía buscar auga no subsolo para combater a seca
Calvo informou esta segunda feira da "estratexia ambiciosa" para explorar en profundidade o potencial uso das masas de auga subterránea existentes na demarcación hidrográfica Galiza-Costa —a única das catro demarcacións galegas de competencia autonómica— "como unha alternativa estratéxica para garantir o abastecemento, especialmente en períodos críticos de seca intensa e prolongada" . O Consello coñeceu esta segunda feira o informe no que se detalla o plan de acción deseñado por Augas da Galiza para o período 2025-2028 e a través do cal mobilizará 1,15 millóns de euros, coa fin de afondar no coñecemento destes recursos. En Galiza-Costa, dixo Calvo, hai delimitadas 19 masas de auga subterránea, "cun potencial moi variábel".
Esta seguda feira coñeceuse que setembro rexistrou un setembro frío con 30% menos de precipitacións do habitual, informou MeteoGaliza.
Detectar drogas na auga
O conselleiro de Presidencia tamén anunciou que se “porá en marcha un proxecto para detectar o consumo de drogas a través da análise das augas residuais". O obxectivo é, afirmou, reforzar a estratexia de prevención de adiccións e detectar canto antes novos patróns de consumo para “actuar a nivel de saúde pública”. Empregaranse os datos de cinco depuradoras galegas para medir o consumo de cocaína, cannabis, fentanilo e outras drogas.