Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña: "A identidade propia da Galiza centra a nosa política"
—No ecuador do mandato da Deputación, que balance fai?
Levamos desde o 2015 no Goberno bipartito da Deputación cun cambio revolucionario que eu penso que foi o máis destacábel do BNG na Deputación. A aprobación do Plan Único en marzo de 2017 representou un antes e un despois da maneira de relacionarse a Deputación cos concellos, con transparencia total e criterios obxectivos cos que repartir o diñeiro, aumentando os recursos que se achegan aos concellos e loitando por poñer en valor a autonomía municipal. Creo que se isto caese, os 93 concellos da provincia –ou os 90, quitando as grandes cidades–, probabelmente terían graves problemas para manter os servizos que agora prestan, nun momento no que a Xunta da Galiza e o Estado español están transferindo competencias aos municipios sen as achegas económicas necesarias. A Deputación nese sentido está xogando un papel fundamental.
—Cal é a pegada do BNG neste Goberno provincial?
A capacidade de diálogo e a capacidade construtiva que ten o BNG á hora de facer política, dándolle estabilidade a un goberno, enfrontándose a múltiples vicisitudes polas que fomos pasando –incluída unha pandemia– e buscando construír e marcar a nosa política cunha identidade claramente nacionalista. Crendo na capacidade produtiva do noso país, no talento da xente e na capacidade que ten que ter Galiza para construír un modelo de goberno propio pensado na Galiza e para Galiza.
—Cara a onde irán as prioridades da Vicepresidencia nos dous vindeiros anos?
Dentro das nosas competencias temos un empeño moi grande en seguir traballando co tecido produtivo, sobre todo coas pequenas e medianas empresas no noso territorio, que nos están dando unhas alegrías enormes.
Temos convertido esa parte de paisaxe e sector produtivo no produto principal do noso escaparate turístico e de promoción do territorio, buscando fuxir dese turismo de masas e buscando un turismo máis interesado pola identidade propia da Galiza, pola súa historia, a súa tradición, cultura e lingua propia.
Todo conxugado coas persoas que seguen resistindo no medio rural producindo alimentos de altísima calidade e que están incrementando o valor do que consumimos na hostalería. A capacidade produtiva do noso país ten unha penetración no mercado de alta calidade gastronómica a nivel internacional moi grande, é unha enorme oportunidade para seguir traballando e nestes dous anos que nos quedan seguiremos insistindo.
—Cal é o modelo turístico no que traballa a Vicepresidencia da Deputación?
Paisaxe e poboación produtiva como primeiro elemento para darlle valor ao noso territorio e buscar turismo que capilarice na totalidade do territorio, que non masifique puntos concretos e que dea oportunidade ao medio rural. Buscar ese perfil turístico que queira e saiba valorar o que temos e non que dalgunha maneira o queira deturpar, condicionar ou adulterar. Ese turismo é pan para hoxe e fame para mañá. O que queremos é un modelo de turismo diferente, coa sustentabilidade como sinal de identidade.
Unha administración con "boa saúde"
Preguntado polo “estado de saúde” do pacto de Goberno que BNG e PSdeG teñen desde hai unha década na Deputación da Coruña, o seu vicepresidente sinala que “como todas as relacións humanas sofre os seus altos e baixos” pero destaca que neste tempo foron "capaces de entendernos, de pactar programas de goberno e hai unha relación de respecto mutuo entre as dúas forzas políticas”. O balance deste acordo para Regueira é que a xestión da Deputación “é unha boa alternativa para a sociedade desta provincia, para os seus sectores produtivos e sobre todo para a cidadanía dos 93 concellos”. Considera Regueira “unha administración modélica á hora de relacionarse dun xeito claro e transparente con todas as entidades” e destaca planos como cultura, memoria histórica e políticas de igualdade como sinais de identidade.