Xosé Crespo e Román Rodríguez, denunciados por prevaricación
A Plataforma Aberta Cidadá de Lalín (APAC) vén de presentar unha denuncia que afectaría Román Rodríguez, hoxe conselleiro de Cultura e ex edil do PP en Lalín, e Xosé Crespo, ex alcalde de Lalín polo PP, por un presunto delito de prevaricación na contratación de persoal por parte do Concello.
A demanda presentada no Xulgado número 2 de Lalín está acompañada dun informe do xefe do persoal do Concello de Lalín e mais da acta da Xunta de Goberno de 12 de decembro de 2012, cun informe do secretario municipal, que darían conta das irregularidades que lanza á luz pública a APAC.
A denuncia da APAC, que foi presentada pola concelleira Lara Rodríguez, pon de manifesto que o Concello, a través de contratos por obra e servizo ou eventuais, acababa dándolle traballo de forma permanente ás persoas beneficiadas. Así, os contratos prolongábanse no tempo sen que existise ningunha resolución de Alcaldía nin acordos da Xunta de Goberno que apoiasen a continuidade dun total de 38 contratacións concatenadas, algunha mesmo superior aos dez anos.
Entre 2004 e 2006 o Grupo Municipal do PSOE xa presentara denuncias en relación ás oposicións convocadas para cubrir trece postos de funcionariado no Concello.