Xoán Xesús Carril, alcalde de Arzúa: "A 50ª Festa do Queixo será de récord, con máis de 300 expositores e stands"
Arzúa quenta motores para celebrar desde esta sexta feira ao domingo as vodas de prata da Festa do Queixo. Será unha festa de récord con 270 expositores no Recinto Feiral Terra do Queixo e 79 queixarías das Denominacións de Orixe galegas e tamén con produtos do Estado español, de Portugal, Francia e Italia. O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destaca o “recoñecemento” do concello “ás orixes e á tradición deste sector artesanal”.
—Cales son as expectativas?
As nosas expectativas son moi boas, levamos moito tempo traballando con moita ilusión, todos os anos faise así pero co feito de ser o 50 aniversario estamos esmerándonos e ficamos moi ilusionados coa festa. Queremos que sexa un recoñecemento para os fundadores e as fundadoras e para as orixes, as mulleres do rural que o facían artesanalmente. Queremos recoñecer estes colectivos e o traballo que fixeron ao longo de tantos anos e que nos permitiu chegar a esta 50 edición.
—Aumentaron o número de expositores e queixarías, o recinto da feira faise pequeno?
O recinto xa estes anos viña sendo algo axustado e este ano, ao mellor por ser o 50 aniversario, animáronse máis produtores e expositores e estamos en récord, tiveron que quedar uns 15 fóra porque o recinto non dá para máis. Este ano na parte de abaixo só van expositores de queixos clasificados por Denominacións de Orixe, tamén hai queixos de España e expositores de Portugal, Francia e Italia. Temos en total 270 expositores e 79 stands de queixarías, é récord.
—Tanto o Concello como o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa expresou a súa preocupación pola posíbel implantación de Altri en Palas de Rei (A Ulloa). Que impacto tería en Arzúa a pasateira?
Arzúa ten dous sectores primordiais, somos un concello agrogandeiro, que vivimos do agro e do noso queixo, e nos últimos anos temos outro sector importante na nosa economía que é o Camiño de Santiago. Estes sectores veríanse en grave risco de aprobarse a macrocelulosa de Altri. Por suposto que ao queixo lle vai afectar porque unha DOP enmarcada nunha zona cunha industria altamente contaminante afectaría de forma moi importante. Ao Camiño de Santiago pasar a carón dunha cheminea que verte fumes non lle vai beneficiar. Desde o Concello sentímonos prexudicados en caso de que se aprobe a pasteira
—O Concello presentou alegacións ao proxecto, tivo algunha resposta da Xunta da Galiza?
Presentamos alegacións individuais e desde o Concello porque nos sentimos parte prexudicada e temos que defender os intereses da nosa veciñanza. Non tivemos resposta. Tamén pedimos unha reunión co presidente da Xunta hai dous meses tres alcaldes de concellos afectados -Melide, Santiso e Arzúa-, e tampouco tivemos contestación. Entendo que nos ten que recibir e explicarnos algunhas cousas.
—Estamos no ecuador do mandato municipal, como o valora?
O balance é positivo. Como alcalde do que máis satisfeito estou é do contacto coa veciñanza, temos as portas do Concello abertas para todas e na rúa vexo que a xente iso o aprecia. O acondicionamento das pistas do rural é unha prioridade. A obra máis importante da lexislatura é a segunda fase da Fraga do Rei. Temos pendentes a rúa da Caleixa e o Parque de Ana Kiro, que comezarán nada máis rematar a Festa do Queixo.