Xácome prefire vídeos de concelleiras en traxe de baño a promocionar Ourense en Fitur
O alcalde da Cidade das Burgas sostén que a feira turística de Madrid é "irrelevante" e un dispendio de recursos, mentres insiste en que a difusión en redes sociais, con pezas protagonizadas por Noa Rouco ou Omar Montes, chega a millóns de persoas e multiplica a visibilidade da cidade.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), confirmou que a cidade non participará tampouco este ano en Fitur, a Feira Internacional de Turismo que decorre en Madrid, ao considerar que se trata dunha cita "irrelevante" para a promoción turística e dun "dispendio de recursos humanos e económicos" sen retorno real.
Segundo explicou o rexedor, será o quinto ano consecutivo no que Ourense non acode a Fitur e, malia iso, o turismo na cidade "segue a bater máximos históricos". Xácome asegurou que neste período aumentaron tanto o número de viaxeiros como as noitadas, un crecemento que vinculou, entre outros factores, á incorporación de máis de 600 pisos turísticos. "Non necesitamos Fitur para atraer visitantes", afirmou.
Xácome tamén criticou a Xunta da Galiza, á que acusou de discriminar a cidade. Como exemplo, lembrou que o último ano no que Ourense estivo presente en Fitur, coincidindo coa chegada do AVE, o lema do stand galego era "Ven a Santiago". "Foi unha broma", ironizou.
Fronte a este modelo, o Goberno municipal insiste noutras vías de promoción baseadas nas redes sociais e na viralidade. O alcalde puxo como exemplo os vídeos gravados nas termas con Noa Rouco en traxe de baño ou con Omar Montes, que, segundo afirmou, "chegaron a millóns de persoas" e "deron a coñecer o nome de Ourense mil veces máis que Fitur".