Vox volve colleitar os seus peores resultados nas nacións sen Estado

Nas eleccións europeas Vox ficou por baixo de 3% dos votos na Galiza, Euskal Herria e Catalunya, territorios onde nas municipais ficou sen representación agás no concello catalán de Salt.

Como acontecera nas eleccións xerais do 28 de abril, Vox volveu topar este domingo, nos comicios municipais e europeos, coas nacións sen Estado. Non logra ningunha representación na Galiza nin en Euskadi, mentres que en Catalunya só atinxe presenza no concello de Salt, onde entra con 3 edís. O partido de extrema dereita logrou no conxunto do Estado español 659.000 votos nas municipais, obtendo 530 concelleiros e concelleiras e 5 alcaldes.

Na Galiza Vox presentou candidatura en 13 concellos. Entre todos eles sumou menos de 10.000 votos. Mesmo naquelas prazas, A Coruña e Ferrol, onde algunhas enquisas e sondaxes previas daban algunha posibilidade aos de Santiago Abascal de entrar, ficaron finalmente ben lonxe de conseguilo. En Ferrol tiveron 1% dos votos e na Coruña quedaron en 2%.

Mais é nas europeas onde máis claramente se ve o fracaso de Vox nas nacións sen Estado. Nesta cita Vox sumou en todo o Estado español perto de 1.400.000 votos, obtendo así tres representantes no Europarlamento. Atinxiron 6,2% dos votos. Porén, na Galiza, Euskal Herria, Catalunya ou Canarias os ultraespañolistas ficaron lonxe desa porcentaxe.

Euskadi é o territorio onde Vox recolle menos apoios. A súa candidatura ao Europarlamento obtivo 13.000 votos, o que é apenas 1% dos sufraxios emitidos. A seguir figura Catalunya, onde recibiu 68.000 votos, 1,9% do total. Na Galiza o apoio foi de 2,5%, 37.000 sufraxios. Nas Illas Canarias Vox quedou en 3,3% dos apoios nas urnas e en Nafarroa esa porcentaxe foi de 4%.

Vox logrou os seus mellores resultados en Ceuta (20,5% dos votos), Murcia (11%), Melilla (10,7%) e Madrid, con 9,8%. Por riba de 8% estivo só en Castela-A Mancha (8,2%). En Aragón, Andalucía, Asturies e Castela-A Mancha tivo apoios por riba de 7%. En Cantabria logrou 6,8%, en Estremadura 5,6% e na Rioxa 5,2%.