Mïnimos históricos para a formación conservadora

En voto directo, o PP caería á terceira praza no CIS

Congreso dos Deputados

O voto directo é o manifestado espontaneamente polas persoas entrevistadas no inquérito, o non cociñado. A enquisa que divulgou esta terza feira o CIS mostra como trazos básicos a redistribución do voto no bloco da dereita en favor de Cs e a queda de PSOE -leve- e de Podemos e confluencias -máis acusada- a respeito de xuño de 2016. En Marea cedería unha décima sobre as últimas xerais. Os resultados do PP son os peores da serie histórica.

Non sempre hai traslación entre o voto directo e o resultado final. Hai variábeis que as equipas sociolóxicas teñen que valorar á hora de completar o prognóstico. Contodo, o voto directo si oferece unha fotografía das tendencias demoscópicas. Aquí e agora, Ciudadanos está disparado e supera con moita clareza a PP e PSOE, con 16,1 por cento face 12,1 e 13,5 por cento, respectivamente, sempre en termos de voto directo. A situación do partido do goberno é especialmente delicada, ao ficar en terceira posición e con moi escasa vantaxe sobre Unidos Podemos e confluencias (11,3 se sumamos os distintos axentes desta plataforma).

 

Introducida a cociña -aí hai que ter en conta a maior ou menor simpatía que esperta cada forza e a variábel das persoas que non confesan a quen irán apoiar nas urnas-, o PP si que mantería a condición de primeira forza en estimación de voto final. Destarte, de se realizar hoxe unhas xerais, o PP obtería 24 por cento do voto, un descenso brutal en relación ás xerais de xuño de 2016 (9 pontos menos). Pouco máis ou menos o que sobe Cs -9,4 por cento-, o que mostra até que ponto son vasos comunicantes. O partido laranxa ficaría, portanto, na segunda praza, co 22,4 por cento dos sufraxios. Terceiro sería o PSOE, con 22 por cento, 7 décimas menos que en 2016. Canto a Unidos Podemos e as confluencias, descerían 1,5 pontos, ao pasar de 21,1 a 19,6 por cento. No que atinxe a En Marea, o retroceso sería leve: de 1,4 a 1,3 por cento.

 

O CIS dá noticia tamén do predominio das forzas conservadoras: PP e Cs sumarían 46,4 por cento do voto fronte ao 41,6 da suma de PSOE e Unidos Podemos máis confluencias. Hai máis estabilidade no bloco conservador -sobe só 4 décimas sobre as últimas xerais-, en tanto que a esquerda estatal si cae un chisco, de 43,8 a 41,6.

 

Canto ás forzas soberanistas, ERC obtería 3 por cento do voto (incremento de 4 décimas), o PDeCAT o 1,7 (descenso de 3 décimas), o PNV 1,3 (aumento de 0,1) e Bildu 0,6 (retroceso de 0,1).