10-N

Votan as principais candidatas realizando chamamentos á participación

Votacións do 10-N nun colexio electoal de Vigo (Pablo González)

Até os colexios electorais acudiron as e os líderes políticos e candidatos para exercer o dereito ao voto e animaron a poboación a participar nas urnas.

Ao longo da mañá as e os principais líderes e candidatos das formacións políticas achegáronse aos colexios electorais para votar e animar a cidadanía a exercer o dereito ao voto.

 

Pontón e Rego chaman a votar para construír Galiza con futuro

A máis madrugadora foi a portavoz nacional do BNG. Ana Pontón acudiu a votar ao Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela, desde onde animou a participar nas urnas insistindo en «que ninguén quede na casa porque hoxe é o día de decidir que é o mellor para construír unha Galiza con futuro para os galegos e as galegas». 

«A Galiza ten que pór as súas posicións sobre a mesa e hai que facelo hoxe para non arrepentirse despois», afirmou Pontón

A líder nacionalista animou a votar «con convicción, ilusión é alegría coa cabeza e co corazón na Galiza pensando tamén en todas as mulleres que loitaron porque hoxe teñamos o dereito de exercer o voto, a ser cidadás libres e iguais».

Pontón admitiu que hai moita xente cabreada pola repetición electoral, mais asegurou que o día de hoxe «é un día para votar, con cabreo ou sen cabreo, porque nos xogamos moito e a Galiza ten que pór as súas posicións sobre a mesa e hai que facelo hoxe para non arrepentirse despois».

Ana Pontón acompañou o candidato do BNG pola Coruña, Néstor Rego, quen insistiu en que ninguén quede na casa e pediu votar «en liberdade e con confianza, pensando no mellor para o futuro da Galiza».

 

Caballero: «Cada voto pode ser decisivo»

En Vigo votou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen desexou  unha «alta mobilización porque cada voto pode ser decisivo».

Así manifestou Caballero e lembrou que «o voto é un dereito e cando hai eleccións hai que ir votar».

Esperan no PSdeG unha alta participación do electorado, «cremos que é o momento de acudir ás urnas para votar en liberdade, que cada cidadán pense no país que quere e no que non quere e vote pensando no futuro do noso país e dos intereses da cidadanía», pediu Caballero.

Ademais, incidiu en que «o exercicio do voto é un dereito e tamén unha responsabilidade para ter unha democracia plena, próspera e consolidada».

Nesee sentido, considerou que «cantos máis cidadáns participen, máis pleno será o resultado, máis colectiva será a decisión", polo que apelou a que "cada cidadán vote en liberdade pola opción que queira".

 

«É moi importante que as clases populares defendan os seus dereitos», sinalou Díaz

Xa votou a candidata por En Común - Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz, e fíxoo no seu colexio electoral de Ferrol. Após depositar o voto quixo lembrar que a importancia de que «hoxe as clases populares exerzan o seu dereito democrático e defendan os seus dereitos».

Pola súa banda, o candidato pola Coruña e secretario xeral galego de Podemos, Antón Gómez-Reino, apelou a votar en defensa dos dereitos e liberdades e a encher as urnas para que a extrema dereita non teña oco.

 

Feixoo espera que haxa un «Goberno que goberne»

O últimos dos líderes políticos en votar foi Alberto Núéz Feixoo. Fíxoo ao mediodía nun colexio do centro de Vigo. O presidente da Xunta espera que haxa «desbloqueo político» e que das eleccións deste domingo saia «un Goberno que goberne».

Após votar Feixoo apelou a ter un Goberno que «faga fronte aos datos negativos, pesimistas, sobre a situación económica que vivimos e que viviremos nos próximos anos», porque «se volvemos caer no bloqueo político, estaremos ante unha situación perigosa que ninguén desexa», afirmou.

 

Ciudadanos chama a votar para «desbloquear»

O secretario de Organización de Ciudadanos na Galiza, Laureano Bermejo, animou con motivo das eleccións xerais a «exercer un voto valente e audaz¯ que esixa aos políticos actuar en consecuencia».

Asegurou que este domingo é un día moi importante «porque ás veces as e os cidadáns esquecen o inmenso poder que temos cando depositamos un papel dentro dunha urna», e animou a votar para «desbloquear España».

 

Encher as urnas «de votos de cambio», pide Bescansa

A cabeza de lista de Máis País pola Coruña, Carolina Bescansa, fixo un chamamento ás galegas e galegos para que participen nas eleccións e «enchan as urnas de votos de cambio, comprometidos coa formación dun Goberno», e afirmou que non se pode agardar a ter terceiras eleccións ou novos bloqueos.

«Este país non se pode permitir repetir que a negociación do Goberno de España se faga como unha negociación entre adolescentes», sinalou.

Por ese motivo, Bescansa animou «a votar a pesar do enfado e da tentación de quedarse na casa».