Volve a crise ao PP de Vigo, que fica en mans dunha xestora

Alfonso Rueda e Marta Fernández-Tapias, no mitin do PP en Vigo o pasado día 15. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
A renuncia de Marta Fernández-Tapias faise efectiva cando o Partido Popular vén de sufrir unha derrota en Vigo nas eleccións galegas do pasado domingo.

Unha xestora farase cargo da dirección do PP de Vigo "non máis tarde do 29 de febreiro" tras a saída de Marta Fernández-Tapias da política institucional. A que foi candidata do Partido Popular á Alcaldía de Vigo nas eleccións locais do pasado mes de maio, voceira do PP na cidade e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra confirmou o pasado 2 de febreiro nas súas redes sociais que, iniciará "unha nova etapa" após os comicios galegos do 18 de febreiro.

Fernández-Tapias aspirou á Presidencia da Deputación de Pontevedra após as pasadas eleccións locais e postulouse como candidata fronte ao actual mandatario, Luís López 'Lugués', que logrou o cargo grazas ao apoio dos rexedores do Deza, O Salnés e O Condado.

Naquela batalla, Fernández-Tapias contaba co apoio do aparato do partido e do propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de cuxo círculo próximo fai parte desde hai moitos anos a aínda voceira do Partido Popular vigués. Precisamente, o papel de Rueda foi determinante para que Fernández-Tapias lograse o nomeamento de candidata na cidade olívica, no marco dun conflitivo proceso de primarias que a confrontou ao daquela senador Javier Guerra.

Escenario postelectoral

A renuncia de Marta Fernández-Tapias faise efectiva cando o Partido Popular vén de sufrir unha derrota en Vigo nas eleccións galegas do pasado domingo. Así, os populares, que lograron 54.010 votos e unha porcentaxe superior ao 35%, víronse superados polo BNG, que alcanzou 56.820 sufraxios, cun 37% dos apoios e rexistrou un aumento de case 14 puntos en relación ao proceso electoral de hai catro anos. Pola súa parte, o PSdeG, que goberna a cidade, situouse en 30.781 votos, tras deixarse 12.580 apoios e ficar nunha porcentaxe do 20%.