A vitoria de Casado traslada a guerra do PP ás municipais
Cumpriuse o guión. Tal e como adiantara o semanario Sermos Galiza, os populares galegos votaron divididos no conclave de elección de Pablo Casado como presidente do Partido Popular. Unha fractura que, lonxe de fecharse, será aínda maior de cara aos vindeiros procesos internos, onde as eleccións municipais de maio de 2019 marcarán un punto de inflexión no partido. Escribimos sobre isto no Sermos Galiza número 306. Eis un extracto.
Ao outro lado, os seguidores de Soraya Sáenz de Santamaría, significándose entre eles os delegados ourensáns encabezados por Manuel Baltar, a maioría dos compromisarios lucenses agrupados arredor do portavoz do PP no senado, Xosé Manuel Barreiro, e o círculo pontevedrés de Mariano Raxoi. Ao fin, a candidata derrotada xuntou o 40% dos apoios da delegación galega, suscitando pronunciamentos ao seu favor do presidente do Parlamento de Galiza, Miguel Santalices, da súa antecesora Pilar Roxo ou da súa fiel colaboradora, a deputada ourensá Edelmira Barreira.
As persoas derrotadas
O proceso congresual do PP deixou unha abondosa lista de derrotados nas filas dos populares galegos. O primeiro, Mariano Raxoi Brei, cuxa acción de goberno e orientación política foi impugnada polos compromisarios, ficando, ao tempo, sen apoios, mesmo en Pontevedra, onde só conseguiu atraer para a candidatura de Sáenz de Santamaría o seu cuñado Francisco Xavier Millán Mon e a súa amiga de vello Pilar Roxo.
[Podes ler a información íntegra no número 306 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]