Vítimas de Angrois no Congreso: “Saben o que é perder un fillo por unha neglixencia?”

O portavoz das vítimas de Angrois no Congreso. Foto: cedida.

Cinco anos despois do accidente ferroviario en que morreron 80 persoas e houbo 144 feridos, as vítimas de Angrois falaron esta terza feira no Congreso. A comisión de investigación serviu para que o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, denunciase as “mentiras” políticas no caso. E a vocal Cristina Liras inquirise: “Saben vostedes o que é perder un fillo por unha neglixencia?”.
 

“As présas e as presións” para a inauguración da liña de tren e as mentiras teñen responsábeis. E son responsábeis políticos. Así o argumentou Domínguez. “Ninguén colaborou nin ninguén demitiu”, expuxo, “esa é a responsabilidade política. No canto de asumila, logo os tivemos de presidenta do Congreso, de ministro de Xustiza ou de eurodeputado”. Referíase a Ana Pastor, ministra de Fomento o 24 de xullo de 2013 polo PP, a Rafael Catalá, daquela secretario de Estado, e a José Blanco, ex titular de Fomento polo PSOE.

 

“Premiouse os responsábeis na xestión do accidente”, engadiu. Para o presidente da plataforma das vítimas, o órgano do Parlamento español en que falou debe contribuír ao estabelecemento desas “responsabilidades políticas”. Ademais, hai unha investigación en curso no xulgado de instrución número 3 de Santiago de Compostela.

 

Jesús Domínguez arremeteu contra o que chamou “verdade oficial” sobre o accidente. Esa que, explicou, carga todas as culpas sobre o maquinista -un dos sete investigados na causa do xulgado compostelán. A plataforma de vítimas defende que o sinistro era “evitábel” e que aconteceu por “sucesión de erros debidos ás présas e ás presións”. Ningunha entidade independente analizou os riscos da curva nin a desconexión dos sistema de seguridade. Tampouco se atenderon algunhas advertencias de profesionais.

 

A vocal das vítimas, Cristina Liras, falou da súa propia experiencia. Perdeu un fillo en Angrois. “Saben vostedes o que é perder un fillo por unha neglixencia que se podía e que se debía ter evitado”, dixo, “agardo que non tivesen ou teñan que pasar por esta experiencia, que é a peor pola que pode pasar unha nai ou un pai”.

 

O membro do PP na comisión do Congreso é o parlamentario galego -por Ourense- Celso Delgado. Como adoita facer o seu partido nestes casos, deu voltas e mais voltas para afirmar a obviedade de que o órgano “debe elaborar un ditame de consenso e serio”. Por En Marea falou a deputada Alexandra Fernández, quen agradeceu á plataforma de vítimas o seu labor: “É unha vergoña que as vítimas teñades que facer o que non fixo a Administración Pública”.