VÍDEO | Koldo, a crise dos pellets, o concerto económico: Así é o vídeo co que o PP felicita este Nadal
Paula Prado, Diego Calvo, Elena Candia, Luís Menor e Luís López repiten na mensaxe natalicia do Partido Popular.
O PP galego estrea este sábado o seu vídeo de Nadal, no que o presidente Alfonso Rueda insiste en que “Galiza soa moi ben”, após un ano no que logrou a súa primeira maioría absoluta nas eleccións galegas.
Logo de percorrer o país en moto e en autobús nos anos anteriores, o líder dos populares galegos nesta ocasión ponse á fronte dun cento de persoas sobre o escenario dun auditorio para “mostrar a harmonía e o bo facer da nosa terra”.
Ao longo do vídeo os espectadores iranse atopando con personaxes que, por un motivo ou outro, foron protagonistas deste 2024: desde o televisivo deputado Raúl Santamaría até o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices; pasando entre outros polo responsábel de Mar do Goberno galego, Alfonso Villares, e incluso un particular ‘señor García’ —en referencia a Koldo García—, a quen Rueda lle di que “onde ten que ‘cantar’ é noutro sitio”.
Os populares non dubidaron en incluír aquela polémica frase de Alfonso Villares durante a crise dos pellets, na que intentou restar gravidade ao problema afirmando que os microplásticos “entran por onde entran e saen por onde saen”.
Aparecen tamén o ex presidente español Mariano Raxoi, que volve verse no apuro de lidar co novo formato de tapóns de botella; e o ex presidente galego Alberto Núñez Feixoo, que referencia o actual debate sobre o modelo de financiamento gabando este “concerto” de Rueda: “Este concerto si soa ben”.
Aparecen tamén, ataviados cos habituais xerseis de Nadal, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, e os catro presidentes provinciais do partido: Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), Luis Menor (Ourense) e Luis López (Pontevedra). E estréase o portavoz do Grupo Popular no Parlamento da Galuza, Alberto Pazos.
A continuación, é sorprendido coa interpretación do tema “Xuntos”, himno da maioría absoluta deste ano nas eleccións galegas, que dá paso á panxoliña “Noite de Paz”, en referencia á “estabilidade da Galiza e a un desexo de paz en todo o mundo”, sinalan os populares nun comunicado.
“Queremos que este Nadal soe ben para todos os galegos e galegas. Porque cando os galegos nos xuntamos, soamos moi ben. E o noso futuro soa aínda mellor”, conclúe Rueda.