O PP veta unha comisión de investigación sobre Altri e acrecenta as sospeitas do BNG e o PSdeG: "Que ocultan?"

Pleno do Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular acusa a oposición de usar "bulos" e "insidias" arredor desta macrocelulosa, mentres que nacionalistas e socialistas piden explicacións ao Goberno galego sobre un proxecto "derrotado por unha enorme mobilización social".

Cero sorpresa. Tal e como se agardaba, o PP empregou a súa maioría absoluta no Parlamento galego para deitar por terra a creación dunha comisión de investigación sobre o proxecto de Altri que solicitaba o BNG e apoiaba o PSdeG. O portavoz do Partido Popular, Alberto Pazos, dixo que a oposición quería “manter vivo” Altri con estas propostas malia que o proxecto, afirmou, está “arquivado, non por ningunha manifestación, senón por unha decisión infame do Goberno español”.

Na defensa da iniciativa, a portavoz do BNG, Ana Pontón, explicou que a petición dunha comisión respondía a tres factores. O primeiro, a sentenza do TSXG —publicada en exclusiva por Nós Diario e que constataba que a Xunta retirou ilegalmente a protección aos terreos que se verían afectados por Altri—. “Foi unha decisión do PP para favorecer Altri en contra o interese xeral, é gravisimo”, sinalou Pontón.

O segunda factor é o memorando secreto asinado entre Altri e Impulsa —sociedade con capital maioritario da Xunta e xa disolta— e cuxo contido non se fixo público malia as peticións tanto na propia Cámara formuladas polo BNG e polo PSdeG e mesmo diante da Xustiza por parte da formación nacionalista. E, por último, a portavoz nacional do BNG apelou á necesidade de “transparencia” e de “luz e taquígrafos” en todo o que teña a ver con este proxecto. “Que ocultan?”, preguntou

Unha pregunta que tamén formulou en alto Patricia Igrexas (PSdeG), "que agochan?", para recriminar o PP por votar 'non' a esta comisión. A deputada socialista chegou a falar de "posíbel tráfico de influencias" na tramitación do proxecto de Altri e asegurou que se a Xunta segue negando información, tamén o seu partido valora "acudir aos tribunais" para coñecer toda a documentación. Igrexas lembrou que acumula xa "nove solicitudes" para tentar acceder ao pacto secreto da Xunta da Galiza con Altri a través da agora disolvida sociedade Impulsa Galiza, que "non era unha sociedade privada", senón "un instrumento para fuxir do control público".

Porén, para Alberto Pazos Couñago, o portavoz parlamentario do PP, todo responde a unha campaña de “bulos” e de “insidias” que tanto o BNG como o PSdeG fixeron arredor do proxecto dunha macrocelulosa para A Ulloa coa finalidade de “atacar” o Goberno."Acusan de ocultar información simplemente por cumprir a lei", afirmou Pazos, en referencia ás sucesivas negativas da Xunta a amosar o acordo argumentando que "afecta a terceiros e non está sometida á lei de transparencia"

"Ten medo de que se coñeza a vedade"

O portavoz do PP na Cámara chegou a afirmar que lle "encantaría" que a Xustiza ditase que hai que facer público o contido do pacto secreto, para así "acreditar "todo o que mentiu" a oposición e poder "pedir a dimisión" da portavoz do BNG e do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Unha resposta que non deixou de sorprender a Ana Pontón.

"Tamén vostede coñece o contido dese acordo secreto que non queren entregar ao Parlamento?", preguntou a líder nacionalista. Para Pontón, está claro que o proxecto de Altri é un exemplo de que a Xunta é "capaz de cometer todo tipo de irregularidades para favorecer intereses privados" e "ten medo de que se coñeza a verdade".