Varias militantes do PSOE acusan na canle interna do partido ao presidente da Deputación de Lugo por acoso sexual
Militantes do PSdeG denunciaron na canle interna do partido por acoso sexual a José Tomé, presidente da Deputación de Lugo, secretario provincial do partido e alcalde de Monforte, segundo afirma o programa 'Código 10' da canle 'Cuatro'.
Varias mulleres militantes do PSdeG acusaron na canle interna do PSOE por acoso sexual ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, segundo informou o programa Código 10 emitido este 9 de decembro en Cuatro. Denuncian tocamentos e comentarios que suporían acoso sexual por parte de Tomé, que tamén é secretario provincial do partido en Lugo e alcalde de Monforte de Lemos.
O programa di que ten no seu poder dez acusacións presentadas na canle interna. O programa afirmou que preguntou ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, por estas acusacións, ao que tería respondido: “Non me consta ningunha denuncia ao respecto”. Así se lle escoitou dicir a unha reporteira do programa, malia que o medio non emitiu as preguntas formuladas. O programa tamén afirma que Lara Méndez, secretaria de organización do partido, coñecía as denuncias, así como a súa homóloga a nivel provincial, Pilar García.
Segundo informa o xornal El Progreso, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, nega as acusacións e anuncia a adopción de medidas legais ante o que considera unha campaña de difamación.