RAFA CUíñA

"Se se vai a unha lista de obediencia estatal, abandonarei o meu cargo na dirección"

Rafael Cuíña

Afirma que na dirección non está só na defensa dun acordo "só con forzas de obediencia galega".

 

Sermos Galiza púxose en contacto con Rafa Cuíña, alcalde de Lalín e principal referente institucional de Compromiso, para que esclarecese os contidos do seu rechamante chío desta segunda feira en que deixaba entrever o seu hipotético abandono da militancia do partido.

Cuíña aproveitou o contacto para matizar as súas palabras.

"Non falo de abandonar o partido, mais si as responsabilidades de dirección no caso de se optar por unha solución, a de integrar unha lista de obediencia estatal, na que non acredito. Deixar a Executiva sería nese caso un acto de coherencia coas cousas que eu creo", dixo a Sermos Galiza.

 

 

"Non gosto do espectáculo que está a dar todo o mundo. E cando digo todo o mundo, me refiro a todo o mundo. Eu -salienta- estou na coordenadora de Iniciativa pola Unión...", enfatiza coa intención de non deixar ninguén a salvo da crítica.

Interpelado sobre a que se refire cando fala de espectáculo, esclarece: "Hai conversas abertas e moitos actores. Non aturo que se diga unha cousa de frente e logo por detrás se faga todo o contrario. Este proceso ten que facerse desde abaixo e non nas cúpulas. A xente quere unha lista de unidade e eses actores dos que falo están a defraudar a xente".

Fontes da dirección de Compromiso aseguraron a Sermos que na dirección da organización Cuíña é o único político que defende unha lista de obediencia exclusivamente galega. "Iso non é certo", retruca o alcalde de Lalín.