As formacións políticas con representación no Hórreo posiciónanse ante o 6‑D

U-la reforma costitucional?

A constitución española fai 41 anos o 6 de decembro e, como en cada aniversario, regresan á mesa do debate político iniciativas de modificación dun texto que permaneceu case inalterábel desde que naceu. Neste tempo, só se fixeron dous trocos: un en 1992, para adaptala ao Tratado de Maastrich, e outro - polémico- en 2011, que mudou o artigo 135 no marco da “estabilidade orzamentaria” propugnada por Bruxelas. Eis un estrato da peza publicada no número 375 do semanario en papel Sermos Galiza.

 Máis de catro décadas despois do seu nacemento, é a constitución española de 1978 un texto válido sobre o que construír o Estado do século XXI? Cómpre realizar unha reforma que se adapte ás novas necesidades e problemas da cidadanía ou debe construírse sobre alicerces inamobíbeis? É posíbel no actual contexto político de polarización e fragmentación parlamentaria chegar a acordos para modificala? E, en caso afirmativo, cales deberían ser estas reformas?

Co gallo do aniversario da ratificación da carta magna, o 6 de decembro de 1978, recollemos a postura dos partidos políticos galegos con representación no Hórreo. A maioría coinciden en que é unha necesidade darlle un lavado de cara, aínda que o Partido Popular - maioritario no Parlamento galego- cuestiona a necesidade de facer mudanzas no momento convulso actual. Daquela, o Congreso aprobou o 31 de outubro a constitución con 325 votos a favor (UCD, PSOE, PCE, AP, CDC e Mixto), 6 votos en contra (de Alianza Popular e Euskadiko Ezkerra) e 14 abstencións (AP, PNV e UCD).

PP: “Non é o momento”

A postura oficial dos populares galegos, trasladada a Sermos Galiza a través do seu gabinete de comunicación, é que “no actual contexto de fragmentación e polarización na Cámara dos Deputados non é o máis axeitado abrir un debate deste calado”. O PP salienta que “sempre que se abre este debate da reforma constitucional ninguén di exactamente para que se quere reformar”, e considera que “España ten moitos problemas, mais a constitución non é un destes”. 

PSOE: “Cómpre vontade”

A viceportavoz do PSOE Patricia Vilán lembra que está aberta unha comisión de reforma constitucional desde 2003, “parada despois polo PP”. Considera que hai reformas necesarias, como “a loita pola igualdade e o feminismo, mesmo cunha linguaxe inclusiva na súa redacción” ou para  “avanzar no federalismo”. 

CdaE: “Urxe dar respostas”

“Hai evidencias todos os días de que a constitución do 78 non é quen de dar resposta ás crises que afrontamos”, di Luca Chao, portavoz de Común da Esquerda. Considera que “urxe” unha reforma “que dea cabida ás necesidades da cidadanía de hoxe e afronte o que vén”. 

BNG: “República galega”

“Nós non estamos pola reforma. A constitución española é irreformábel”, sinala Bieito Lobeira, secretario de Organización do BNG. Para a formación nacionalista “cómpre abrir un proceso de ruptura democrática desde as nacións”, xa que considera que o texto “representa na súa esencia a anulación” destas.

En Marea: “Plurinacionalidade”

Para Luís Villares, líder de En Marea, a reforma “é necesaria” para “recoñecer a plurinacionalidade” do Estado alén do simbolismo. A este respecto, salienta positivamente a recente proposta do PSC desde Catalunya. En coherencia con isto, Villares considera que cómpre reformar as  institucións para que “Galiza estea representada en órganos centrais clave como o Tribunal Constitucional”. 

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 375 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]