Trump ameza con romper o comercio co Estado español por non apoialo na guerra contra Irán

Friedrich Merz e Donald Trump, onte, na Casa Branca, en Washington. (Foto: Kay Nietfeld / dpa)

A guerra en Oriente Medio provoca un incendio nas relacións entre o Estado español e os EUA. Trump ameazou onte cun embargo comercial tras negarlle Sánchez o uso das bases militares de Morón e Rota para o operativo contra Irán. O mandatario español responderá hoxe ao seu homologo estadounidense.

O  presidente estadounidense, Donald Trump, afirmou onte, nunha comparecencia de prensa conxunta co chanceler alemán, Friedrich Merz, que corta toda relación comercial co Estado español após a negativa do Goberno de Pedro Sánchez a Estados Unidos para empregar as bases militares de Morón (Sevilla) e Rota (Cádiz) no seu operativo militar de agresión contra Irán. Neste punto, o mandatario estadounidense afirmou que "é un aliado terríbel, xa dixen que corten todas as relacións con España".

Trump sinalou que "isto empezou cando todos os países da OTAN aceptaron subir a 5% [a porcentaxe do produto interior bruto destinada a gasto militar], pero España non". Nesta dirección, lembrou o conflito aberto entre ambos os Estados ao redor do orzamento militar, que levou o mandatario estadounidense no pasado mes de outubro a defender a exclusión do Estado español da OTAN por non asumir a porcentaxe de investimento acordada por todos os socios da Alianza no cume desenvolvido o 25 de xuño de 2025 na Haia, capital dos Países Baixos.

"Agora di que non podemos utilizar as súas bases militares, pero podemos voar e utilizalas, non temos que pedir permiso", afirmou Trump, que indicou que o Estado español "está a ser moi pouco amigábel, non ten nada que queiramos. Son un pobo fantástico, pero teñen uns dirixentes terríbeis". Nesta perspectiva, o mandatario estadounidense insistiu en que "foi o único país da OTAN que non aceptou subir a 5%" o investimento militar, "non creo que aceptasen subir a nada, querían mantelo no 2% e non pagan o 2%, así que imos cortar todo o comercio con España. Non queremos ter nada que ver con España".

O mandatario estadounidense recalcou que "eu  podería deter mañá, ou aínda mellor, hoxe, todo o relacionado con España, todos os negocios relacionados con España, teño o dereito de detelo". A este respecto, interpelado sobre a súa autoridade en materia comercial e arancelaria tras anular o Tribunal Supremo de Estados Unidos os denominados "aranceis recíprocos", Trump asegurou que "temos o dereito de deter todos os negocios relacionados cun determinado país se ese país non nos está tratando ben. O presidente, sen ir ao Congreso, ten o dereito de detelos".

O chanceler alemán, Friedrich Merz, un dos mandatarios comunitarios máis aliñados cos Estados Unidos e que acompañou Trump na comparecencia, apoiou a proposta do seu homólogo estadounidense de someter a un embargo as exportacións do Estado español, asegurando que é para "convencelos" de que incrementen o seu gasto militar até 5% do PIB. Neste sentido, as fontes do Goberno do Estado consultadas por Nós Diario aseguraron que "España é un membro chave da OTAN, que cumpre cos seus compromisos e contribúe de forma destacada á defensa do territorio europeo".

Estas mesmas fontes gobernamentais explicaron que o Estado "é unha potencia exportadora da UE e un socio comercial fiábel para 195 países do mundo, entre eles Estados Unidos, con quen mantén unha relación comercial histórica e mutuamente beneficiosa". Nesta dirección, indicaron que "se a Administración norteamericana quere revisala deberá facelo respectando a autonomía das empresas privadas, a legalidade internacional e os acordos bilaterais entre a Unión Europea e Estados Unidos".

Un embargo das exportacións como o anunciado onte por Trump, no caso de facerse efectivo, tería un escaso impacto na economía galega. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2025 as exportacións galegas a Estados Unidos caeron un 23,4%, situándose en perto de 544 millóns de euros e significando 0,7% do PIB galego. Nese exercicio, 350 empresas galegas venderon parte da súa produción no mercado estadounidense, significando 4,4% do total das exportación estatais, nunha porcentaxe que vén decrecendo desde o ano 2016. 

De feito, os sectores económicos máis afectados polos aranceis dos EUA na Galiza son o químico, o naval e, sobre todo, o agroalimentario. Precisamente, o viño é unha das produción con máis saída no mercado estadounidense, onde exportan ao redor de 35 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, que denunciaron ao longo dos últimos meses que o anuncio do Executivo de Trump de impor taxas ás exportacións provocou xa unha parálise total das vendas aos EUA.

Exportacións minguantes

O peso do complexo pesqueiro galego nos Estados Unidos de América vén, tamén, minguando no último lustro. Así, as exportacións alcanzaron no ano 2024, última anualidade con datos, 36,5 millóns de euros, cando un ano antes sumaron 237 millóns, dos que 68 millóns foron conservas e produtos preparados como os que elabora a empresa Nova Pescanova. Precisamente, a caída das vendas galegas no conxunto do mercado estadounidense vénse reducindo de forma progresiva polo impacto das políticas proteccionistas en forma de aranceis. 

O Executivo non se prega ás exixencias dos Estados Unidos

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comparecerá ás nove da maña de hoxe para anunciar a resposta do seu Executivo ao anuncio efectuado onte por Donald Trump de cortar as relacións comerciais do seu país co Estado. Nesta liña, as fontes gobernamentais consultadas por Nós Diario indicaron que "o Goberno non ten previsto dar marcha atrás na súa negativa ao uso ás bases militares de Morón e Rota e na súa folla de ruta en relación co conflito aberto en Oriente Medio".

"En todo caso", aseguran estas fontes, "a vontade do Goberno de España é e será sempre traballar polo libre comercio e a cooperación económica entre países, desde o respecto mutuo e o cumprimento da legalidade internacional. Porque o que a cidadanía pide e merece é máis prosperidade, non máis problemas". Nesta dirección, destacan "o noso país conta cos recursos necesarios para conter posíbeis impactos, axudar aos sectores que puidesen verse afectados, e diversificar cadeas de subministración".

O líder do PP español, Alberto Núñez Feixoo, situouse ao lado de Estados Unidos, asegurando que "se  Irán dálle as grazas e Estados Unidos considérao un terríbel aliado, falla vostede. Iso non é equidistancia. É prexudicar os intereses de España fronte a un réxime odioso".