O tripartito de dereitas non suma na Galiza
A tripla alianza non suma na Galiza. Os dados fornecidos polas diferentes sondaxes coñecidas nas últimas semanas coinciden en sinalar que só as nacións sen estado resisten a enxurrada reaccionaria que abanea o Reino de España. Os vindeiros procesos electorais de 2019 sacaranos de dúbidas.
As enquisas achegadas polos diferentes estudos demoscópicos certifican un comportamento electoral dual no conxunto do Estado. A unha banda, a área peninsular de lingua e cultura española cunha identidade nacional inequívoca non cuestionada pola súa poboación, onde as forzas de dereitas conseguirían unhas cómodas maiorías. Os gobernos deste signo conformaríanse arredor dun PP á baixa, dun Ciudadanos forte e dun Vox á alza, cuns resultados moi importantes en cidades como Madrid, Sevilla, Zaragoza, Oviedo e en diversas capitais de provincias castelás, estremeñas ou andaluzas. Noutra banda, as nacións sen estado, campo de análise en que destacan as achegas de Narciso Michavila, o sociólogo de referencia da dereita política e mediática, que nun recente traballado do seu gabinete certificaba as nulas posibilidades de goberno dunha maioría de dereitas nas cidades catalás, vascas e na práctica totalidade das galegas.
PP, Ciudadanos e Vox enfróntanse a un escenario electoral moi complicado en Galiza cara ás municipais. As enquisas internas coas que traballan nas salas de máquinas destes partidos presentan uns números moi semellantes que limitaría á mínima expresión o seu poder nos concellos e deputacións galegas. Así, segundo estas sondaxes, o tripartito de dereitas só estaría en condicións de pelexar con resultados incertos polas cámaras municipais de Ourense e Ferrol, descartándose a posibilidade de conseguir as alcaldías de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Pontevedra e de Vigo. Canto á loita polas deputacións provinciais, desde os aparatos do PP dan por perdidas as de Pontevedra e A Coruña, en tanto que consideran que se achan en condicións de loitar pola de Lugo a pesar das dificultades do obxectivo e están certos da maioría de Baltar en Ourense.
[A íntegra desta análise téndela ao voso dispor no Sermos329, aquí na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]