Transferencias e industria, claves nas conversas entre BNG-PSOE que seguen "abertas"

Goretti Sanmartín, Rubén Cela e Néstor Rego, con Adriana Lastras e Rafael Simancas esta mañá no Congreso. (BNG)
O deputado no Congreso Néstor Rego, xunto a Goretti Sanmartín e Rubén Cela, membros da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego, reuníronse en Madrid esta cuarta feira co Grupo Socialista para negociar un posíbel acordo para apoiar a investidura de Pedro Sánchez ao redor de aspectos claves da "axenda galega". As negociacións seguen abertas "á espera dun acordo"

Segunda reunión do BNG co PSOE no Congreso en Madrid para perfilar as condicións do apoio do deputado nacionalista Néstor Rego á investidura de Pedro Sánchez, o candidato socialista, como presidente do Goberno. O nacionalismo galego leva, entre outras cuestións, á mesa de negociación a transferencia da AP-9 e a rebaixa das peaxes, a creación dun estatuto de empresas electrointesivas, a solución á situación de Endesa, as transferencias pendentes a Galiza, a problemática dos e das emigrantes retornadas ou a creación de máis Xulgados de Violencia de Xénero.

"A transferencia da AP-9 e a consecución de rebaixas e bonificacións nas súas peaxes é imprescindíbel para o BNG por ser unha das maneiras de rematar cunha discriminación histórica do noso país", sinalan as nacionalistas nun comunicado de prensa após a reunión na que participaron, xunto a Néstor Rego e Adriana Lastra -que participaron na primeira das xuntanzas-, a concelleira en Compostela Goretti Sanmartín e o responsábel de Relacións Internacionais, Rubén Cela, por parte do BNG; e Rafael Simancas, un histórico dos socialistas madrileños, deputado e ex portavoz na Asemblea madrileño. 

No caso do estatuto de empresas electrointensivas "trátase de buscar unha solución á crise industrial que afecta a varias localidades e comarcas do país poñendo en risco un importante número de postos de traballo", explica o BNG. 

A respecto das transferencias, lembran as nacionalistas, "Feixoo leva unha década sen conseguir nin unha soa transferencia para Galiza cando hai cuestións que é urxente xestionarmos de maneira directa como as transferencias de Salvamento Marítimo como puidemos ver no caso do accidente do Blue Star".

O Bloque tamén pide rematar coa discriminación das persoas emigrantes retornadas e a creación de máis Xulgados de Violencia de Xénero nas cidades galegas. As negociacións co Partido Socialista "seguen abertas á espera dunha nova xuntanza para acadar un acordo", di o BNG.