"Unha total falta de respecto": O PSdeG reproba a decisión da Xunta da Galiza de retirar bombeiros urbanos na extinción dos lumes
"Ninguén se explica como se poden retirar medios da provincia de Ourense cando a terza feira á noite había sete incendios activos no noso territorio, tres de grandes dimensións", indican os socialistas.
O PSdeG-PSOE de Ourense considerou "inadmisíbel" e unha "total falta de respecto a decisión do PP de retirar bombeiros en plena vaga de incendios".
Nun comunicado, o partido alude á medida adoptada en relación con bombeiros dos consorcios provinciais de Lugo e A Coruña e denuncian que a decisión "foi tomada con nocturnidade e aleivosía".
"Ninguén se explica como se poden retirar medios da provincia de Ourense cando a terza feira á noite había sete incendios activos no noso territorio, tres de grandes dimensións", indica.
En relación á medida, a Xunta da Galiza xustificou a retirada de bombeiros urbanos da Coruña e Lugo dos operativos de extinción de Ourense ante a posibilidade de que sexan requiridos nas súas provincias para tarefas de protección de núcleos e vivendas, a súa especialidade, e dado que os labores principais "agora están relacionadas coa liquidación de perímetros", do que se encarga o corpo forestal.
Segundo explicaron os bombeiros dos consorcios provincias tanto da Coruña e Lugo, como os de Ourense e Pontevedra, estiveron colaborando co operativo "no que corresponde coas súas funcións de protección de núcleos e vivendas".
Fronte a esta postura, os socialistas de Ourense aseguran que "son necesarias todas as mans posíbeis para axudar a terminar coa gravísima situación que estamos a vivir" e engaden que ningún profesional na loita contra o lume é "prescindíbel".
Reintegración para outras tarefas
Tras a polémica suscitada, a Xunta da Galiza recuou e indicou na tarde da cuarta feira que se deron pasos para que os traballadores volvesen sumarse aos operativos nas tarefas que ditan as novas necesidades.
Así, trasladóuselles aos consorcios que os traballos que neste momento se necesitan son de saneamento e liquidación de perímetros en terreos forestais e pedíuselles comunicar ao 112 os efectivos dispoñíbeis para estas tarefas, con carácter previo á saída para coordinar e asignar áreas de traballo.