Miguel Tellado representará PPdeG na manifestación de Colón contra os indultos

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado. (Foto: PPdeG)
Os populares levan ao Parlamento unha iniciativa para que BNG e PSdeG se "retraten" ante este asunto, que preocupa "a todos os galegos". Por outra parte, acusou BNG de reunirse co deputado Gabriel Rufián (ERC) no camiño para "catalanizar Galiza".

O PP de Galicia estará representado o domingo na manifestación contra os indultos aos líderes do procés que terá lugar na Praza de Colón de Madrid. Será a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, e do presidente de Novas Xeracións (NNXX), Adrián Pardo, tendo en conta que o líder da formación e titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non acudirá alegando unha viaxe para reunirse co papa Francisco a vindeira segunda feira.

Tellado reafirmou "ningún tipo de tibieza" nos populares galegos á hora de condenar a intención do Goberno estatal de conceder eses indultos: "Estamos tan comprometidos como os demais". Así, máis aló da súa presenza e a do presidente de NNXX, destacou que o partido desenvolverá actividades "en distintas prazas galegas" o domingo, coincidindo coa concentración en Madrid.

Preguntado pola ausencia non só do presidente galego, senón tamén pola doutros 'baróns' territoriais como Juan Manuel Moreno (Andalucía) e Alfonso Fernández Mañueco (Castela e León), o secretario xeral do PPdeG descartou que sexa algo rechamante: "Estamos a saír ás rúas diariamente a conseguir firmas" contra os indultos.

"Se a vostede -un xornalista- lle parece pouco que o número dous do PP da Galiza acuda á cita de Colón, pois non lle podo facer nada máis", insistiu, á vez que defendeu as recollidas de rúbricas promovidas polas direccións "autonómica, provincial e local".

Aínda que dixo descoñecer a cifra de sinaturas que levan até o momento, Tellado si afirmou que a resposta da cidadanía "está a ser maioritaria nas cidades". "A gran dificultade que atopamos é dicirlle á xente que respecte as distancias", engadiu.

"Non vai de fotos"

Así mesmo, sobre se evitará unha foto con representantes de Vox o domingo, o secretario xeral do PPdeG insistiu en que a protesta "non vai de fotos", senón "de cumprir a lei e non retorcela para os intereses de ningún partido" e en contra do "sentir maioritario da sociedade española".

Xunto a isto, lembrou que a concentración está convocada pola plataforma Unión 78, non por ningún partido, polo que se pode sumar a ela "quen queira". "Cremos que é unha obriga de todos os demócratas levantar a voz contra o que pretende o Goberno de Pedro Sánchez", recalcou.

Precisamente, o número dous dos populares galegos avanzou que levarán unha iniciativa en contra dos indultos ao Parlamento para buscar que a oposición -BNG e PSdeG- se "retrate" ante un tema que "preocupa moito ao Partido Popular, a todos os galegos e ao conxunto de españois".

O BNG quere "catalanizar Galiza"

Por outra parte, Tellado cargou contra a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, porque o domingo terá un encontro "amigábel" co deputado de ERC Gabriel Rufián, "herdeiro político de Junqueras".

"Nada detén ao BNG que mantén a súa folla de ruta para catalanizar Galiza, para exportar o modelo do procés que tan bos resultados electorais lles deu aos independentistas pero que tan desastroso foi para a convivencia e a economía de Catalunya", sinalou.

Así, insistiu en que o Bloque "xa non se corta en amosar os seus vínculos co separatismo catalán" e "en deixar claro que son a sucursal de ERC e de Bildu na Galiza".