Sumar denuncia que os bonos de aluguer da Xunta son "bonos regalo aos rentistas"

Participantes na mesa de debate sobre vivenda organizada este sábado por Sumar en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A formación reclama a creación de seis novas residencias “100% públicas” que sumen 6.000 prazas residenciais nos campus universitarios galegos.

O Movemento Sumar Galicia denunciou este sábado que os bonos de alugueiro postos en marcha pola Xunta da Galiza que preside Alfonso Rueda funcionan como "bonos regalo aos rentistas".

Sumar organizou este sábado en Vigo unha mesa de debate sobre vivenda, na que participou a portavoz da formación no Congreso Verónica Martínez Barbeiro e o secretario xeral na Galiza, Paulo Carlos López. Ademais, estiveron acompañados por representantes de Os Ninguéns, Provivienda e o sindicato estudantil Fervenza.

Na súa intervención, López denunciou que a vivenda "é o principal problema da cidadanía galega, tamén da xente nova", e que o 50% da mocidade de entre 18 e 35 anos segue vivindo cos pais en Vigo, segundo o INE. "É un dereito imposíbel de cumprir na Galiza, especialmente para a mocidade", afirmou.

Así, exixiu á Xunta que actúe "de inmediato" para crear seis novas residencias "100% públicas" nos campus universitarios, en colaboración cos concellos e universidades, para engadir 6.000 prazas.

Pola súa banda, a portavoz no Congreso, Martínez Barbeiro sostivo que o problema "non é que non exista solo", senón que é "a especulación". Así, denunciou que na Galiza existen 500.000 vivendas baleiras, o que representaría un 30% do parque total existente. "Debe traballarse pola consecución dun parque público de aluguer do 20% do total de vivenda existente", afirmou para defender que se poña fin á compra especulativa ou un tope aos prezos de aluguer.

Ademais, exixiu ao Concello e á Xunta que apliquen a Lei de Vivenda, regulen o alugueiro turístico, por habitacións e por tempada que "está a expulsar á xente dos barrios".

Así mesmo, denunciou a "inacción" da Xunta xa que, na súa opinión, Rueda non fai nada, "regala diñeiro aos rentistas cos bonos de aluguer". "Son os verdadeiros bonos regalo", censurou.