ÁNGEL GARCíA SEOANE, 'GELO'

“Sufrín a miña primeira derrota en Alternativa dos Veciños. Tiña a certeza de presentarme”

A asemblea da formación desbotou a proposta de concorrer ás eleccións galegas con García Seoane como candidato, o que lle obrigaría deixar a alcaldía que ostenta desde 1985. “A xente quixo que seguirse como rexedor”.

 

Alternativa dos Veciños decidiu esta cuarta feira non concorrer ás eleccións galegas. A consulta ás bases da formación deu como resultado unha maioría a favor de non dar este paso. Foron 114 os votos que responderon Non á pregunta “Está vostede a favor de que Ángel García demita como alcalde para presentarse como candidato por Alternativa dos Veciños á Xunta de Galiza ?”. O Si foi a opción riscada por 45 persoas e a abstención a escolla do 2, aliás de 3 sufraxios en branco.

- Como valora a decisión adoptada pola asemblea de Alternativa dos Veciños de que a formación non concorra ás eleccións?

- Creo que sufrín a primeira derrota da miña historia dentro de Alternativa dos Veciños. Tiña a certeza de presentarme ás galegas e estaba convencido de que ía ser posíbel, mais a asemblea decidiu o contrario. Non se trataba de ser deputado, é 50.000 veces mellor ser alcalde de Oleiros. Mais despois das eleccións galegas pode darse un escenario onde un só deputado poida ser decisivo e ese deputado si que tería moito que dicir e pode obrigar a aplicar así políticas en Galiza que non se aplican. Mais a xente quixo que seguise de alcalde. A democracia é así, nós somos asemblearios e a asemblea decidiu.

- A lei establece que para ser candidato á Xunta ten que deixar a alcaldía. Que lle parece esa obriga?

- Esa foi unha cousa que instaurou Fraga para evitar que Paco Vázquez, daquela alcalde da Coruña, se presentase. Eu, desde logo, non estou de acordo con ese requisito, non é democrático. Non ten moito sentido ter que deixar a alcaldía para poder presentarse a unhas galegas. Ese requisito é algo que só hai en Galiza, non no resto do Estado.

- A asemblea decidiu que seguise como alcalde. Meditou xa se esta vai ser o seu derradeiro mandato?

- Eu estou en contra deses políticos que din que só se pode estar dúas lexislaturas. Quen marca e decide cantas vas estar é a xente, é o pobo co seu voto. Levamos 10 lexislaturas na alcaldía e nesta última foi cando máis votos tivemos, un 61,5%. Durante todos estes anos presentáronme 16 querelas criminais e ningunha puido comigo, queríanme quitar de alcalde.

- Alternativa non se presenta ás galegas. Cre que o panorama político fica completo coas forzas que si anunciaron que ían concorrer a esa cita coas urnas?

- Os partidos políticos, independentemente do signo político, teñen que mudar certas cousas, a xente pide iso. Nestas eleccións o nacionalismo está representado polo BNG, as marés van ocupar un espazo da esquerda e o PSOE o da socialdemocracia. o PP vai ter nestas eleccións a súa marca branca, Ciudadanos.