REALIZADA POLA UNIVERSIDADE DE VALENCIA

Unha sondaxe coloca En Marea como segunda forza en Galiza e outorga entre 1 e 2 escanos a Nós 


Unha enquisa da Universidade de Valencia prognostica un escenario electoral en Galiza para o 20D moi diferente de anteriores sondaxes. O PP se mantería como forza máis votada, pero perdería boa parte do seu peso electoral, pasando dos 15 a entre 9 e 10 escanos. Máis dura sería a caída do PSdeG, que ficaría con entre un e dous deputados. Por contra, En Marea irrompería no Congreso dos Deputados como segunda forza en Galiza con entre 8 e 9 escanos, mentres Ciudadanos conseguiría tres representantes. Nós-Candidatura Galega tería entre un e dous deputados no hemiciclo en Madrid, segundo a sondaxe.

Nas provincias da Coruña e Pontevedra, a candidatura de En Marea loitaría por ser a forza máis votada fronte ao PP, con tres e dous escanos respectivamente. Nós-Candidatura Galega obtería un representante pola provincia da Coruña e estaría cerca de conseguir outro por Pontevedra. Ciudadanos conseguiría os tres deputados que prognostica a enquisa nas dúas provincias. Pola súa banda, o PSdeG evitaría quedar sen representación galega grazas aos votos de Pontevedra, e podería facerse cun segundo na Coruña. 

Nas provincias de Lugo e Ourense, o inquérito prevé que só PP e En Marea obteñan representación no Congreso. Os populares conseguirían entre dous e tres escanos en Lugo, mentres a candidatura de confluencia tería entre un e dous deputados. En Ourense ambas formacións se repartirían os catro escanos.

A nivel estatal, o PP sería tamén a forza máis votada, pero quedaría con entre 94 e 107 deputados, fronte aos 186 da actualidade. O PSOE resistiría na segunda praza pero continuaría coa súa caída con entre 68 e 80 representantes; seguido moi de preto por Podemos, con entre 66 e 79 escanos, e de Ciudadanos, con entre 54 e 66. Esquerra Republicana e a coalición Democracia i Llibertat obterían 13 e 10 deputados, como quinta e sexta forza política do Estado. EH Bildu e PNV conseguirían 6 escanos. 

A enquisa realizada polo Grupo de Investigación en procesos Electorais e Opinión Pública da Universidade de Valencia é o resultado de máis de 13.195 enquisas realizadas en todo o Estado entre o 27 de novembro e o 11 de decembro.