Os soberanistas galegos, vascos e cataláns piden no Congreso suprimir o título de rei de España

Francisco Franco con Juan Carlos e Felipe de Borbón

É unha das emendas presentadas conxuntamente á lei de Memoria Democrática do Goberno español.

BNG, ERC, JxCat, CUP e EH Bildu volveron aliarse no Congreso para presentar unha batería de emendas conxuntas á lei de Memoria Democrática que hai unhas semanas iniciou a súa tramitación na Cámara baixa española.

Entre as propostas presentadas por escrito polos grupos está, segundo informan desde Ara.cat, a de retirar o título de Rei de España que o franquismo concedeu a Juan Carlos I.

"De conformidade co disposto no artigo 41, suprímese o título de rei de España así como todos os privilexios e prerrogativas persoais e familiares que dela se derivan", sinalan nunha das emendas que rexistraron esta segunda feira.

O artigo 41 da Lei de Memoria Democrática promovida polo Ministerio de Presiencia, pilotado por Félix Bolaños, establece a eliminación dunha serie de títulos nobiliarios (aínda por determinar) que foron concedidos entre 1948 e 1978 e que supoñen “a exaltación da guerra e a ditadura".

"De conformidade co disposto no artigo 41, suprímese o título de rei de España así como todos os privilexios e prerrogativas persoais e familiares que dela se derivan", sinalan nunha das emendas que rexistraron esta segunda feira.

Neste capítulo, os grupos soberanistas catalán, vasco e galego propoñen que tamén se suprima o título de rei por ser concedido polo franquismo, que consideran "ilegal". A eliminación deste título real levaría, a cambio, tamén que caíse a monarquía. A modificación, polo tanto, supón levar o debate ao terreo de monarquía ou república.

Lembran os soberanistas que a actual forma de Estado estableceuse a través da lei de sucesión franquista, pola que o ditador Francisco Franco decidiu o seu sucesor. "Nunca permitirá que a cidadanía vote efectivamente pola forma de Estado que prefira", sinalan os grupos na súa emenda. "Este feito histórico é máis ben incompatíbel cos principios dun sistema democrático tal e como se dicía que se quería implantar" e, polo tanto, "debería ser revisado desde a súa fundación", engaden.

Tamén propoñen modificacións á lei de amnistía de 1977 para evitar que siga "perpetuando a impunidade dos crimes do franquismo e dos crimes de lesa humanidade". Neste sentido, lembran que hai institucións e familias que tiveron que recorrer a outros países para presentar denuncias penais por "imposibilidade de facelo" no Estado.

Tamén reclaman que se recoñeza a "persecución cultural e lingüística" cometida durante o franquismo. "O Estado debe recoñecer e reparar os danos causados ​​á cultura por razóns políticas durante o réxime", defenderon as formacións nun comunicado, no que denuncian que baixo o franquismo estaba prohibido impartir clases en calquera idioma que non fose o castelán.