Servizos municipais en mans de empresas privadas
A meirande parte dos grandes Concellos galegos teñen cedidos os servizos de abastecemento de auga, recollida de lixo, limpeza viaria ou transporte colectivo, e hainos tamén que confían en mans privadas outros como o alumeado público ou a axuda no fogar. Dedicámoslle a isto o Tema de Primeira do Sermos Galiza en papel. Eis un extracto.
O financiamento dos servizos básicos é a día de hoxe un dos principais retos para o país e os concellos galegos. A crise afectou fondamente á partida de ingresos da meirande parte das administracións locais, con severos axustes nas achegas procedentes das institucións supramunicipais motivados pola falsa crenza de que era nos Concellos onde existía unha maior desviación entre gastos e ingresos e, polo tanto, onde a débeda pública acadaba as cotas máis altas.
Superada esa falacia, quedan outros aspectos por abordar que non son menos importantes e que, en maior ou menor medida, están a lastrar as posibilidades de crecemento das economías públicas locais, isto é, as súas capacidades para xestionar os seus propios recursos. As características da poboación galega, coa dispersión máis intensa de todo o Estado –podería estenderse a Europa sen problema ningún-, e cun avellentamento que sitúa o país entre as nacións máis destacadas do mundo, non teñen todo o peso que deberan no sistema de financiamento local que artella o Estado.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 238, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]