A Santa Compaña de Xácome, Baltar e Feixoo asume que "Ourense mete medo"

Cartel satírico feito para a actividade reivindicativa. (Foto: Cedida)
Un amplo grupo de veciñas e veciños da terceira cidade da Galiza en canto a poboación sumouse a unha convocada desde o tecido cultural e social ourensán que, facendo seu o lema publicitario do Samaín ideado polo alcalde Gonzalo Pérez Xácome, protestou pola xestión política na cidade, en especial no que respecta á cultura.

Colectivos como Amigos da Terra, a plataforma en contra do peche da UPO, asociacións veciñais, Emerxencia Cultural Ourense, a plataforma en defensa das Termas, Amigos das Árbores, entre outros, e tamén particulares impulsaron este domingo á noite unha procesión da Santa Compaña polo Casco Vello da cidade -a terceira en número de habitantes da Galiza- para protestar pola política que se está a facer polo Goberno local de Democracia Ourensá (DO) e tamén polo rumbo do Partido Popular, quer na provincia, quer na Xunta. .

Representando aos supostos culpábeis dun decorrer político e cultural negativo aos ollos de parte da veciñanza nas persoas do alcalde, Gonzalo Pérez Xácome; o presidente da Deputación, Manuel Baltar; e o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, saíron ás rúas do casco histórico para alertar de que "Ourense mete medo".

Curiosamente, o lema do acto reivindicativo colectivo saíu dunha declaración do propio rexedor, que a usara para promocionar as actividades organizadas con motivo do Samaín.

Porén, o sector cultural, social e veciñal fíxoa propia para reflexionar sobre o "medo que mete Ourense" pero, ao seu parecer, non por celebracións relixiosas ou pagás, senón pola xestión administrativa e política.

"Os nosos gobernantes están enterrando a cultura, o patrimonio natural, esnaquizándoo todo ao seu paso", lamentaron nunha mensaxe a través de Twitter.

Fixérono despois de que unha Santa Compaña "de máis de 100 corpos" paseara cun cadaleito pola cidade, sorprendendo ao resto do público, para queimar ao final carautas de Xácome, Baltar e Feixoo.

Foi, din, unha "mani-festa-acción diversa para reactivar o tecido cultural e veciñal de base lastrado por décadas de clientelismo".

Así reprocharon tanto o papel do alcalde no Consistorio, como o da "sombra maléfica do baltarismo" que afecta á cidade e á provincia, coa presunta conivencia da Xunta. Así, lamentaron ser "vítimas da incompetencia".

"Cos dirixentes que temos o camiño asegurado é a morte", garantiran as entidades na súa convocatoria reducida aos contactos.