Sánchez demitirá se o Comité Federal apoia absterse para permitir gobernar a Rajoy
O secretario xeral afirma que estamos perante un "debate político" entre aqueles partidarios dunha xestora e de que goberne o PP e os que defenden dun congreso e “un goberno do cambio”.
Comparecencia de urxencia de Pedro Sánchez a menos de 12 horas de que teña lugar o Comité Federal do PSOE para mandar unha mensaxe clara: non vai ceder. Nunha comparecencia en Ferraz e sen admitir preguntas, o secretario xeral situou o debate á marxe do organizativo. “Non é nin pode ser un debate reglamentario, É un debate político”. Levou así Sánchez a grave crise do PSOE ao terreo onde sabe que ten o apoio das bases socialistas e lanzou un primeiro dardo: el rexeita facer presidente a Rajoy, algo que si queren os críticos, insinuou.
Sánchez dixo que no Comité Federal deste sábado son dúas as posturas que vai haber sobre a mesa: a dos partidarios dunha xestora e de se abster para facer presidente a Mariano Rajoy e a dos que optan por un congreso extraordinario e tentar a vía do “goberno de cambio”. E suxeriu que de triunfar a opción de se abster e permitir gobernar a Rajoy, el demitirá. “Eu non poderei administrar unha decisión que non partillo”, dixo textualmente.
Imaxe: Faixas da agrupación local do PSdeG de Salvaterra. Vía @aalonsopinheiro