Sánchez anuncia que solicitará a aprobación no Congreso do envío de tropas a Ucraína e Palestina

Pedro Sánchez, o pasado 15 de decembro. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O presidente do Goberno español acusou Israel de violar o cesamento do fogo.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, avanzou esta quinta feira que pedirá a aprobación do Congreso ao envío de tropas para unha eventual forza de paz en Palestina unha vez se poña fin ao conflito en Oriente Próximo enmarcado no xenocidio perpetrado por Israel.

Así o indicou durante a inauguración da Conferencia de Embaixadores na sede do Ministerio de Asuntos Exteriores, tras referirse á intención do Goberno español de participar na eventual forza internacional en Ucraína unha vez se alcance un cesamento do fogo con Rusia.

"Iso é o que proporei ao Congreso como tamén proporei ao Congreso, cando esa oportunidade se produza, que poidamos despregar tropas de paz en Palestina" unha vez se avance na pacificación e que nun futuro, que confiou sexa "inmediato", se produza "o recoñecemento dos dous Estados entre Israel e Palestina".

Sánchez insistiu en que "a situación segue sendo intolerábel" na Faixa de Gaza e deixou claro que "a paz non pode ser unha paréntese nunha terra martirizada pola guerra". "A paz exixe aplicar dunha vez por todas esa solución de dous Estados" así como, engadiu, a entrada de axuda humanitaria e o cumprimento do cesamento do fogo alcanzado polas partes e que, segundo dixo, Israel está a violar.

O presidente do Goberno español insistiu en que "un Estado de Palestina independente, viábel, seguro, será a solución para a estabilización e para o desenvolvemento e o progreso dunha importante rexión, tamén desde o punto de vista xeopolítico e xeoestratéxico, para o noso continente e para o noso país".