Saleta Chao ocupará o asento do BNG no Parlamento que deixa o deputado Daniel Pérez, futuro alcalde de Carballo
Os grupos do BNG e do PSdeG afrontan un cambio na lexislatura, fronte aos case 20 que rexistra o PP na súa bancada.
Saleta Chao, militante do BNG que concorreu nas últimas eleccións municipais na candidatura da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ocupará o escano que deixará no Parlamento da Galiza o deputado carballés Daniel Pérez, quen renunicará á acta para asumir a Alcaldía de Carballo (Bergantiños).
Así o confirmaron fontes do BNG esta cuarta feira e será o primeiro cambio que vivirá o Grupo Parlamentario do BNG no que vai de lexislatura.
Este paso vén propiciado pola dimisión do histórico alcalde da capital de Bergantiños, Evencio Ferreiro, quen esta cuarta feira rexistrou a súa renuncia ao cargo pola súa vontade de xubilarse tras cumprir os 70 anos o pasado 28 de xuño.
Ferreiro, alcalde de Carballo desde 2003 e concelleiro desde o ano 1979 —cando encabezou as listas do Bloque Nacional Popular Galego—, comunicou a súa decisión na noite da terza feira á asemblea local da formación, que designou Daniel Pérez como o candidato para substituílo. A lei electoral galega recolle a incompatibilidade de que os alcaldes poidan ser deputados do Lexislativo galego, polo que Pérez terá que renunciar.
Con este cambio, entrará no Hórreo Saleta Chao, militante do BNG que concorreu nas listas da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nas últimas municipais. Deste modo, a capital galega gaña un deputado do BNG, que se suma ao que recentemente obtivo polo PSdeG, coa entrada na Cámara do secretario xeral do PSdeG local, Aitor Bouza. Ademais, o portavoz do PP, Borja Verea, tamén ten escano no Parlamento galego.
Entrada de Aitor Bouza polo PSdeG
O socialista Aitor Bouza, xefe de filas do PSdeG compostelán, asumiu a acta que deixou o ex reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, quen renunciou ao seu escano para tomar posesión como Subdelegado do Goberno español na Coruña.
Este foi tamén o único cambio que o Grupo Parlamentario do PSdeG rexistrou no que vai de lexislatura.
Cambios no grupo do PP
A conxuntura política do PP é distinta e está marcada pola maioría absoluta que sustenta na Cámara o Executivo que dirixe Alfonso Rueda. Así, a cobertura de distintos cargos políticos motivou que desde que en marzo de 2024 se constituíu a XII Lexislatura o Grupo Parlamentario Popular suma 18 cambios no hemiciclo, o que representa o 45% dos seus 40 deputados.
O primeiro cambio no Grupo Popular produciuse xa en abril dese ano, cando Argimiro Marnotes tomou posesión como deputado por Ourense tras renunciar á súa acta a exc onselleira Elena Rivo.
Pouco despois, o 14 de maio de 2024 tomaron posesión outros nove novos deputados do PP de distintas provincias para substituír outros tantos parlamentarios que pasaron a ocupar cargos doutra índole. En xuño, incorporáronse outros sete parlamentarios populares novos en substitución de sete conselleiros que renunciaron á súa acta.
A última substitución nas filas populares do hemiciclo foi o de Pablo Prieto, quen deixou libre un escano pola Coruña para substituír Rafael Louzán á fronte da Federación Galega de Fútbol. Ocupouno, en febreiro de 2025, Magdalena Pérez.