Evencio Ferreiro deixa a Alcaldía de Carballo tras 22 anos co bastón de mando

Evencio Ferreiro presentou a renuncia a Alcaldía de Carballo esta cuarta feira 1 de outubro no rexistro municipal. (Foto: Europa Press)
A militancia do BNG na localidade escolleu por unanimidade Daniel Pérez como candidato a converterse no novo rexedor e a competir para que a formación nacionalista revalide a Alcaldía.

O rexedor de Carballo (Bergantiños), Evencio Ferreiro (BNG), presentou na mañá desta cuarta feira a súa renuncia ao cargo, unha responsabilidade que ostenta desde 2003. A súa substitución será o actual deputado no Parlamento da Galiza e concelleiro de Deportes no municipio, o avogado laboralista Daniel Pérez.

Tras dar conta da súa decisión á Asemblea local do BNG na noite da terza feira, Ferreiro (Carballo, 1955) formalizou esta cuarta feira a renuncia no rexistro municipal. Alí, acudiu acompañado dos e das edís da súa formación e do persoal de confianza, quen non esconderon as súas emocións.

O sábado, 4 de outubro, terá lugar o pleno en que se fará efectiva a renuncia. Despois haberá un prazo de 10 días para que se faga co bastón de man o edil Daniel Pérez (Coristanco, 1977), elixido en Asemblea local como substituto e que terá que renunciar ás súas responsabilidades como deputado no Parlamento da Galiza debido á incompatibilidade de ambos os cargos.

Xunto a todo o seu equipo, Evencio Ferreiro iniciou a súa comparecencia agradecendo ao conxunto de traballadores e traballadoras que ao longo destes 46 anos como concelleiro, 22 deles como alcalde, compartiron labores con el no Consistorio como "leais colaboradores", "facilitando o traballo e a xestión do día a día".

"Pensar no mellor para Carballo"

"Entendo que chegou o momento no que debo renunciar, pensando no mellor para Carballo. É necesario cambiar cousas para que todo siga mellorando", dixo antes de explicar que á primeira persoa á que trasladou a súa decisión, ademais de comunicala "en casa", foi a líder do BNG, Ana Pontón.

Segundo detallou, el mesmo informou a Pontón hai un tempo a súa vontade de deixar o cargo e a súa acta como edil cando cumprise os 70 anos e entrase na xubilación, un aniversario que tivo lugar o pasado 28 de xuño. A partir de aí, conforme apuntou, a formación acordou a estratexia para seguir.

"Expúxose a posibilidade de esgotar o mandato e presentarme ás próximas eleccións, mais eu expuxen outra hipótese, que é na que estamos agora", dixo para chancear co feito de que desde que cumpriu os 70 é xubilado "a efectos laborais". "E ademais, o Estado funciona moi ben, a pesar dos que din que non funciona, e mesmo antes do que paga o Concello, o día 24 xa tiña a nómina ingresada", chanceou.

Na súa intervención, trasladou o seu recoñecemento polo feito de que ao longo destas décadas o debate no concello fose "construtivo, de contraste de pareceres, mais sempre desde o respecto". A diferenza dos lugares nos que "predomina o insulto", "gústanos que en Carballo o que predominen son as ideas e os proxectos", subliñou.

Ademais, chamou a atención sobre o feito de que Daniel Pérez tomará posesión da Alcaldía coa mesma idade que el o fixo, con 48 anos. "E espero que dure outros 20 anos como eu", acrecentou o rexedor da localidade bergantiñá.

Traxectoria política

Evencio Ferreiro (Carballo, 1955) é desde o ano 2003 alcalde de Carballo, nunha Corporación na que foi elixido concelleiro en 1979, cando liderou a candidatura do entón Bloque Nacional Popular Galego á Alcaldía da capital da comarca de Bergantiños.

Ferreiro, como el mesmo destacou esta cuarta feira, leva no BNG desde a súa fundación, sendo o militante con carné "número 14". Precisamente, sobre este aspecto, chanceou con que nestes momentos estará no 'top ten', xa que algún dos primeiros militantes ou xa non integran o BNG ou xa faleceron.

Profesor de matemáticas, exerceu como docente desta materia na localidade limítrofe de Coristanco até 2003. Nese ano, no que tomou posesión como primeiro edil, obtivo destino no IES Alfredo Brañas de Carballo, o primeiro instituto público que se fixo no municipio, mais xa non chegaría a dar clases debido á súa nova responsabilidade como rexedor.

No ano 2015 e despois de tres mandatos, Ferreiro obtivo a súa primeira maioría absoluta, ao alcanzar 11 concelleiros. Unha maioría que foi ampliando nas seguintes citas coas urnas, até lograr 13 dos 21 edís da Corporación nas municipais de 2023.

Durante a súa etapa como alcalde, apostou pola modernización urbana e cultural do municipio, que experimentou cambios en boa parte do seu centro urbano, coa peonalización de rúas, a mellora do paseo do Anllóns e da zona do Bosque e iniciativas para combater o feísmo como o 'Rexenera Fest'. Carballo tamén se consolidou durante estas décadas como centro comarcal en servizos e actividades culturais.

Precisamente, a evolución do municipio foi o aspecto do que el se mostrou máis orgulloso. Así, sinalou que son moitas as persoas que lle trasladan a súa satisfacción por "como cambiou" a localidade cando regresan a ela despois dun tempo. "Aos de Carballo pásanos como coa familia. Aos nenos sempre os ven crecer máis os de fóra que os que estamos todos os días con eles e a transformación de Carballo valórase, sobre todo, entre os que veñen de fóra, porque os que estamos aquí, xa o vemos día a día", indicou.

O seu sucesor terá que enfrontarse a actuacións como a ampliación do centro de saúde e do polígono industrial, a construción da variante, a remodelación ambiental do bordo litoral de Razo, así como a da avenida Fisterra.

Histórico alcalde do BNG

Co seu paso a un lado, o BNG perde a un dos seus históricos alcaldes, xa que Evencio Ferreiro é xunto co de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (quen ostenta a Alcaldía da cidade do Lérez desde 1999), un dos rexedores máis antigos da formación. É tamén un dos concelleiros máis antigos do BNG, tendo en conta que levaba na Corporación máis de 45 anos, tras tomar posesión en 1979, cando foi cabeza de listaxe.

Ademais de participar organicamente na vida do BNG, organización da que integrou durante anos o Consello Nacional e ocupou a responsabilidade institucional de Política Municipal, foi vicepresidente segundo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) tras as eleccións de 2015.

Nesa etapa, outro veterano rexedor, o socialista Alfredo García do Barco de Valdeorras, ocupaba a Presidencia do ente municipalista. Precisamente, o pasado verán e tras máis de 25 anos á fronte da Alcaldía desta localidade, García tamén deu un paso a un lado e fixo efectiva a súa renuncia ao cargo.

Cambios no Parlamento

O paso dado por Evencio Ferreiro provocará cambios na composición do grupo parlamentario do BNG na Cámara galega. Deste modo, tras a decisión que o rexedor comunicou na noite á Asemblea local, a formación de Carballo optou polo deputado e concelleiro Daniel Pérez López como candidato.

Daniel Pérez López deixará a súa acta no Pazo do Hórreo para facerse co bastón de mando, tendo en conta que a lei electoral galega estabelece a incompatibilidade do cargo de rexedor e o de deputado do Parlamento da Galiza.

Así, coa saída de Daniel Pérez do grupo parlamentario, a seguinte persoa que ocupou a listaxe do BNG pola circunscrición da Coruña é a militante Saleta Chao Rivas, quen previsibelmente ocupará a acta que deixa o carballés. Educadora social, concorreu na candidatura da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, nas últimas eleccións municipais, quedando a unha acta de entrar na Corporación. Ademais, a marcha de Ferreiro como concelleiro motivará que entre na Corporación local Daniel Barreiro.