Sae a audiencia pública o programa que exclúe Altri da rede eléctrica

Sara Aagesen, ministra de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. (Foto: Ministerio de Transición Ecolóxica)
A celulosa lusa prevé recorrer a decisión

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico deu inicio á fase de audiencia pública da proposta inicial de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica co horizonte 2030, que prevé unha inversión duns 13.600 millóns de euros para o reforzo da rede estatal.

A proposta, cuxa fase de consulta prolongarase até o 16 de decembro, deixaría –de confirmarse– definitivamente fóra a subestación eléctrica que pedía a celulosa de Altri para o seu proxecto en Palas de Rei (A Ulloa), motivo polo que a compañía lusa xa avanzou que prevé recorrer. Unha decisión que xa fora avanzada no mes de setembro.

Precisamente esta segunda feira as plataformas Ulloa Viva e Defensa da Ría de Arousa (PDRA) anunciaron unha mobilización nacional para o 14 de decembro en Compostela para exixir a "denegación definitiva" de Altri da rede eléctrica e que o Ministerio non se bote atrás no plan que sacou a audiencia pública. Demandan á Xunta tamén a denegación de todos os expedientes da multinacional, e consideran que unha nova mobilización "pode deixar definitivamente a Altri fóra da planificación eléctrica".

Tamén na segunda feira, a Xunta recoñeceu que será "moi difícil" asentar unha iniciativa como Altri de confirmarse a súa exclusión da rede eléctrica.