Rueda ve "lóxico" que as vítimas da violencia machista fiquen sen protección policial

Alfonso Rueda, este 9 de decembro. (Foto: Xunta da Galiza)

"Con menos efectivos non se pode prestar o servizo", di o presidente, mentres o PP se opón a dotar Galiza dun corpo policial propio, tal e como recolle o Estatuto, como si teñen Catalunya, Euskadi, Nafarroa, Madrid e Canarias.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ve "lóxico" que non se poida prestar  protección policial ás vítimas da violencia machista, escudándose no número "insuficiente" de efectivos da Unidade da Policía Nacional adscrita (UPA) á Galiza. Rueda critica a falta de efectivos que o Ministerio outorga a ese corpo, mais négase a crear unha policía galega, cuxos efectivos decidiría o propio Executivo galego.  

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, considera "lóxico" que ante a mingua de efectivos da Unidade da Policía Nacional adscrita (UPA) á Galiza, o paso a dar sexa o de retirar a vixilancia policial a mulleres vítimas da violencia de xénero. O mandatario apoiou así as palabras da semana pasada do conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, que ameazou con retirar a protección policial que ofrece a UPA ás vítimas de violencia machista. Unha protección e vixilancia que en 2024 este corpo policial prestou a 649 mulleres vítimas de violencia de xénero. "Non temos efectivos", reiterou esta terza feira, a preguntas da prensa, na súa comparecencia após a reunión semanal do Goberno galego. Mais esta ameaza non se realizou en ningunha das outras áreas onde prestan os seus servizos a UPA, como lle lembraron a semana pasada desde o feminismo e tamén voces da xudicatura. Para Rueda, o Goberno español "sabía desde hai moito" a situación na que se encontraba a UPA e incidiu en que só na Galiza esta policía adscrita colaboraba nas tarefas de Vioxén (Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero, con máis de 6.100 casos activos na Galiza). 

Porén, Rueda seguen negándose a cumprir co Estatuto de Autonomía e crear a policía galega, cuxo número de efectivos dependería do seu propio Goberno e non do Ministerio. 

Convenio rexeitado pola Fegamp

O Goberno galego deu esta terza o seu visto e prace á proposta de convenio elaborado pola propia Xunta da Galiza para a limpeza e roza de faixas, nos traballos de prevención antiincendios. Unha proposta que a semana pasada rexeitou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) por entender que non incorporaba as achegas dos Concellos, e empraza a Xunta a negociar. A resposta do Executivo de Rueda chegou esta terza, aprobando esa mesma proposta e advertindo o presidente de que pasarán a remitila individualmente a todos os Concellos para que se adhiran á mesma. A conselleira de Medio Rural, María José  Gómez, compareceu canda Rueda para defender o paso dado pola Xunta e cualificar a decisión da Fegamp de "irresponsábel" e de "escusa política". 

A Fegamp considerara "insuficiente" a proposta da Xunta, que pedía un maior compromiso de intervención sobre os núcleos especialmente ameazados polos incendios ou que a Xunta asumise o procedemento sancionador na súa totalidade.

O Executivo galego tamén aprobou na súa reunión de esta terza en San Caetano destinar 1,5 millóns de euros, cantidade que se pode ampliar, a facilitar que as empresas galegas obteñan os certificados necesarios para poder traballar na industria militar e de defensa, incidindo Rueda que é un sector que está en auxe. Tamén se aprobou pór en marcha unha nova edición do Bono Aluguer, co que pretenden dar saída as 2.000 solicitudes que ficaron sen atender na anterior convocatoria. Este bono—de 250 euros mensuais— diríxese a menores de 36 anos.