Rueda ve o agro "perdido" con Mercosur malia que o PP apoiou o tratado

Alfonso Rueda, esta segunda feira. (Foto: Xunta da Galiza)
Alfonso Rueda afirmou esta segund afeira, após apoiar o PP o acordo da UE con Mercosur, que, de se aplicar provisionalmente o tratado "sen salvagardas" para protexer o agro galego, "estamos perdidos".  

Os eurodeputados do PP –tamén o galego Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, polo que o PP fixo campaña na Galiza– votaron a semana pasada en contra de xudicializar o acordo comercial da UE con Mercosur. Un voto que emitiron a pesar da fractura dentro do Partido Popular Europeo, posto que un importante número de eurodeputados e eurodeputadas do grupo decidiron apoiar a proposta de enviar o acordo de libre comercio ao Tribunal de Xustiza da UE para que analice se vulnera a normativa comunitaria –decisión aprobada finalmente na Eurocámara nunha axustada votación–.

Nós Diario preguntou esta segunda feira ao presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, sobre esta votación e o retracto posterior do PP español, co seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, reclamando agora ao Executivo de Pedro Sánchez que non aplique o acordo após apoialo en reiteradas ocasións. O titular do Executivo galego, seguindo os pasos do seu antecesor no cargo, respondeu a este medio que "Mercosur non pode entrar en vigor" na circunstancia actual, sen salvagardas, pois iso, recoñeceu, implicaría un escenario no que "estamos perdidos". O presidente, ademais, acusou as formacións políticas que votaron a favor de levar o tratado ante a Xustiza europea —e deron voz así no Parlamento Europeo ao posicionamento defendido polo agro galego e de toda a UE— de seren responsábeis de que o acordo de Mercosur se aplique na situación actual, "sen salvagardas".

Aliás, Rueda quixo anunciar un "plan específico" para "controlar" a entrada de produtos importados, no marco de"garantir" que cumpran as mesmas condicións e requisitos que os locais. A preguntas de Nós Diario sobre se podía explicar algo máis sobre este plan, o presidente limitouse a sinalar que sería deseñado entre Sanidade e Medio Rural.

Sanidade pública

Preguntado tamén pola prensa sobre a mobilización que para este domingo convocou SOS Sanidade Pública contra o "colapso" do sistema sanitario galego, o presidente afirmou que lle fai "graza" que haxa este tipo de reivindicacións "e estes colectivos [convocantes da protesta] non sexan quen de dicir nada pola folga de médicos [polo Estatuto Marco]".

Durante a súa comparecencia Rueda anunciou tamén a posta en marcha dunha nova fase do proxecto 'Xenoma Galiza', coa ampliación da recollida de ADN de 5.000 participantes máis, despois de fechar a etapa piloto en 2025 coa toma de mostras dos 2.000 primeiros voluntarios e a detección de 19 variantes xenéticas de alto risco. Ademais, informou do balance do primeiro ano de actividade dos centros de crise 24 horas, con máis de 350 vítimas de violencia sexual atendidas – case a metade, mulleres con idades comprendidas entre os 20 e os 40 anos–.

Pacto de Vivenda

Canda Rueda compareceu a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, quen anunciou o II Pacto de Vivenda da Galiza, a través do cal prevé "2.000 novas vivendas públicas máis nos vindeiros catro anos" coa inxección de 2.000 millóns de euros das administracións e "mobilizar" 5.000 millóns máis a través do sector privado.