Crónica parlamentaria

Rueda reduce a "consignas" e "tweets" as protestas contra os recortes sanitarios

Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez, esta cuarta feira, durante a sesión de control ao Goberno galego. (Fotos: Arxina)
A situación da sanidade galega, coas protestas que teñen lugar en diferentes comarcas do país pola falta de medios e persoal, centraron onte a sesión de control parlamentaria ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que tamén foi cuestionado sobre a política industrial do seu Goberno.

O estado da sanidade pública galega é recorrente nas sesións de control ao presidente. O BNG e o PSdeG levan con perseveranza á Cámara unha cuestión que afecta directamente miles de galegos e galegas e ante a cal o titular da Xunta non semella sentirse cómodo. Onte tampouco o estivo. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminou ao Goberno galego a responsabilidade da "situación crítica" sanitaria na Galiza "após 13 anos de recortes".

Enumerou varios titulares de prensa dando conta das mobilizacións e protestas que nestas últimas semanas están a decorrer en diferentes comarcas para protestar pola falta de persoal e medios ou denunciar os colapsos nos servizos de Urxencias e na Atención Primaria. "Vostedes non dan solucións", afeoulle a líder da oposición.

O presidente, na súa réplica, criticou que se fale de sanidade en base a "consignas" e "tweets" e negou que a Xunta fixese recortes en sanidade, algo que levan anos denunciando sindicatos, organizacións profesionais e entidades de defensa da sanidade pública. Rueda afirmou que os Orzamentos da Xunta para 2023 contemplan o investimento "máis alto da historia" para sanidade e situou os problemas de persoal no tellado do Goberno do Estado, por non convocar máis prazas médicas residentes (MIR). Mesmo instou Ana Pontón a que "lle diga" ao "deputado plenipotenciario do BNG en Madrid" que pida a Pedro Sánchez "que convoque máis destas prazas".

Marcha de médicos ao estranxeiro

A portavoz nacionalista centrou a situación sanitaria actual nas responsabilidades da Xunta. Apuntou así que só en 2021 un total de 105 médicos e médicas pediron na Galiza o certificado para poder traballar no estranxeiro. Unha cifra que, como publicou no seu día Nós Diario, elevábase a máis de 1.200 profesionais médicos na última década.

Ademais, proseguiu Ana Pontón, das 89 persoas que finalizaron o MIR na Galiza no último ano, 39 optaron "por non traballar aquí", o que situou como consecuencia da "precariedade laboral". O PP, dixo Pontón, "é un problema para a saúde dos galegos e das galegas. Non veñan a esta Cámara mentir e negar os recortes".

Na nova quenda de resposta, Rueda aproveitou para introducir un anuncio con querenza de titular: o Consello da Xunta aprobará na súa xuntanza de hoxe un proceso para contratar 100 profesionais para Atención Primaria para as especialidades de Diabetes, Hipertensión e Obesidade.

Next Generation e competencias industriais

O portavoz do grupo parlamentario socialista, Luís Álvarez, pola súa parte, preguntou ao presidente a respecto da política industrial do Goberno galego. Álvarez reprochou á Xunta unha "política industrial de fotografía", na que "só lles interesa onde poden confrontar co Executivo estatal" e lanzar a mensaxe de que o Estado é "o único responsábel" do que pasa nun sector no que a Xunta ten competencias "exclusivas". A industria representa 18% do PIB da Galiza e 16% do emprego. Mais o PP limítase "a buscar culpábeis" dos problemas en vez de facer políticas para revertelos, indicou Álvarez.

Rueda situou na xestión do Goberno estatal dos fondos europeos Next Generation o principal problema para a industria galega. "Á Galiza remitiron 1.008 millóns e son uns fondos que veñen condicionados, dinnos onde se teñen que investir. Saben canto vai a industria? 0,8%", dixo. O presidente situou catro prioridades para a industria: o corredor atlántico de mercadorías, o hidróxeno verde, electricidade barata para as electrointensivas e unha planificación eléctrica industrial. Álvarez indicoulle que boa parte desas prioridades eran partilladas polo PSdeG para, a seguir, tirar contra o PP: "Por que non lle dixo a Feixoo un por qué no te callas cando o ex presidente da Xunta cuestionou que a sede da Axencia de Intelixencia Artificial fose para A Coruña".