A Xunta continúa sen aprobar medidas para amortecer os efectos da guerra mentres outras comunidades xa o fixeron

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, esta segunda feira, 23 de marzo. (Foto: Xunta da Galiza)

Comunidades como Euskadi ou Murcia aprobaron xa diversas actuacións para paliar os efectos do conflito na súa economía.

O sector agrogandeiro, o sector do mar, os operadores de loxística ou transporte, ou o clúster alimentario son algúns dos actores que desde o inicio da guerra contra o Irán —28 de febreiro— puxeron en coñecemento da Xunta da Galiza o grave impacto que o conflito ía representar, non só para eles, senón para a economía galega. Porén, a Xunta non adoptou medidas propias para axudar a amortecer o impacto da crise, algo que xa fixeron outras comunidades, como Euskadi ou Murcia. O presidente galego, Alfonso Rueda, recoñecía esta segunda feira na súa comparecencia despois da reunión semanal do seu Goberno que tampouco nesa xuntanza se aprobaran medidas ou actuacións concretas para axudara paliar a crise. "Haberá máis adiante", limitouse a manifestar o titular da Xunta da Galiza. 

O 12 deste mes o Executivo murciano anunciaba acordos con entidades financeiras para abrir liñas de financiamento para empresas e autónomos de cara a "atender os custos de enerxía, transporte e capital de traballo”. Igualmente, aprobaba un bono para empresas exportadoras e medidas para dotar de liquidez as empresas afectadas pola crise e o aumento de custos. Pouco despois, o 17, o Goberno vasco activaba un "escudo industrial" con 1.047 millóns de euros para facer fronte ao impacto do conflito de Oriente Medio. Unha partida que inclúe 105 millóns de euros para a protección das persoas e o emprego e un programa de apoio financeiro para pequenas e medianas empresas con 450 millóns de euros.

Respecto á crise, o único que se limitou a facer esta segunda a Xunta da Galiza na súa xuntanza foi analizar un informe da Consellaría de Facenda sobre o impacto das medidas adoptadas polo Goberno estatal. O presidente queixouse na súa comparecencia de que o Goberno español aprobara o plan anticrise para paliar os efectos pola guerra no Irán sen falar coas comunidades e reivindicou que se trata "dun esforzo compartido" que, no caso das arcas autonómicas galegas, terá un impacto nos tres meses de vixencia do plan de 120,6 millóns de euros. Rueda concretou que o que deixaría de ingresar a Administración autonómica serían 40,2 millóns de euros ao mes: 23 millóns polo descenso de recadación do IVE (50% da recadación para a comunidade), 7,7 millóns polo imposto especial sobre hidrocarburos (58%) e 9,5 millóns polo imposto especial sobre electricidade (100%). Así, Rueda, ademais de dicir que a Xunta prepara outras medidas autonómicas, remarcou que os galegos "teñen que saber que xa existe un esforzo" da Xunta. "Isto non é un esforzo do Goberno español, é un esforzo das persoas cos seus impostos e un esforzo compartido", afirmou.

Alfonso Rueda "está desaparecido en combate"

A oposición criticou esta segunda feira a "falta de medidas" do Goberno galego para facer fronte aos efectos do incremento de prezos derivados da guerra en Oriente Medio. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou non poder emitir unha valoración sobre algún tipo de medida posta en marcha pola Xunta para facer fronte a esta situación tendo en conta que non foron activadas.

"Hai unha situación que afecta as economías familiares, as bombas de Donald Trump acaban repercutindo non só nunha nova guerra, senón tamén nos petos das familias e o presidente Rueda está desaparecido en combate", sostivo Pontón, que criticou que a Xunta non trasladara "nin unha soa proposta nin unha soa medida". Pontón asegurou que o Goberno galego "o único que demostra é que ou chega tarde ou non chega". "A súa única achega foi facer de comentarista sobre as medidas do Estado e creo que a un presidente da Galiza requíreselle traballo, esforzo e, sobre todo, pór en marcha medidas", afirmou. Neste sentido, lembrou que o BNG si leva ao pleno da Cámara galega que comeza hoxe un paquete de medidas para facer fronte á crise de prezos "derivada da guerra imperialista". "E eu o que espero é que o PP, xa que non ten medidas, vote a favor das que propomos desde o BNG", subliñou.

Pola súa parte, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Elena Espinosa, considerou que o Goberno de Alfonso Rueda debe pór en marcha medidas para complementar as accións anunciadas polo Executivo de Pedro Sánchez para facer fronte á crise económica. "O Goberno de España xa aprobou unha serie de medidas que deben ser complementadas con axudas das comunidades autónomas, neste caso, da Xunta ", subliñou, lamentando que aínda non se adoptaran.

Transporte

A Asociación Empresarial de Transportes de Mercadorías  por estrada da Galiza  (Apetamcor) afirmou esta segunda que as medidas de apoio ao transporte aprobadas plo Goberno estatal "non son suficientes para o sector". A asociación advirte que a demora na súa aprobación e o seu alcance limitado non compensan as perdas sufridas polo sector desde o inicio da crise en Oriente Medio e pide ao Executivo medidas "máis ambiciosas". 

Por outra parte, Facua-Consumidores en Acción advertiu de que unha de cada catro gasolineiras aproveitou a baixada do IVE para "aplicar outra suba de prezos" este domingo. “Das 9.255 gasolineiras que este domingo actualizaron os seus prezos, 2.337 non se limitaron a trasladar a baixada do IVE de 21 a 10%, senón que aplicaron un novo incremento”, afirma a organización de defensa dos consumidores.

Mar anuncia 23 millóns para marisqueo e o sector pide unha "actuación integral"

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e a conselleira do Mar, Marta Vilaverde, anunciaron esta segunda que o Goberno galego autorizou 22,7 millóns de euros para "medidas de recuperación e rexeneración dos bancos marisqueiros" afectados polos temporais das últimas semanas que provocaron mortaldades de bivalvos nas rías galegas. Vilaverde  afirmou que non se trata de buscar "remedios puntuais" senón traballar man a man co sector para garantir a rexeneración dos bancos afectados. Preguntado por Nós Diario, o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, considera “un paso positivo” que se tomen estas medidas mais recalcou que a situación “require máis” e demandou, como así fixeron hai unhas semanas confrarías e agrupacións de mariscadoras, “unha actuación moito máis ampla, integral, e que trate o grave problema do saneamento” das rías, ao que apuntan como un responsábel da perda de produtividade marisqueira.

Pola súa parte, o presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, urxiu a Xunta a que aplique nos 122 portos de titularidade autonómica a exención da taxa de pesca fresca que o Executivo estatal aprobou para os seus portos (cinco deles na Galiza). Otero tamén urxiu o Goberno español a aprobar novas medidas anticrise xa que critica que as aprobadas "non serven para o sector do mar". Explica que o sector xa está "exento" do IVE de hidrocarburos e os 20 céntimos por litro consumido "vanse percibir sabe deus cando". "Non nos serven para nada", censura.