Rueda evita confirmar a súa presenza na Conferencia de Presidentes á espera do que decida Xénova
A oposición reclámalle que aclare a súa asistencia a este encontro e que o faga como "presidente da Galiza" e non como "delegado do PP".
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, evitou confirmar esta terza feira se acudirá á Conferencia de Presidentes convocada en Barcelona para a vindeira sexta feira, á vez que insistiu en que, de acordo coa normativa que regula estas citas, o Goberno estatal debería sumar asuntos que demandan as comunidades á orde do día. Neste sentido, o Executivo español anunciou esta terza que aceptaba incluír todos os temas propostos desde as comunidades gobernadas polo PP.
"Se se constata que o Goberno incumpre a lei, entón veremos o que facemos", reflexionou o xefe do Executivo galego, quen, con todo, engadiu que lle resulta difícil pensar, a falta de tres días, que o Goberno que dirixe Pedro Sánchez, non vaia aceptar incorporar outros temas máis aló de FP e vivenda. Por iso, afirmou que, a priori, o seu obxectivo é ir "cos deberes feitos" a explicar os pasos que está a dar a comunidade.
O modelo enerxético, as ocupacións, ou o financiamento autonómico son algúns dos asuntos que a Xunta e outros gobernos de comunidades que dirixe o PP queren introducir na orde do día deste encontro. Rueda, ademais, volveu a queixarse do formato, que tamén desexaría que cambiase.
Nesta conxuntura e despois de que Xénova non desbote un plante dos seus 'baróns' nesta cita con Sánchez, o mandatario galego evita asegurar se acudirá.
A oposición
Os grupos da oposición reclamaron a Alfonso Rueda que aclare se vai asistir ou non á Conferencia de Presidentes convocada en Barcelona para a vindeira sexta feira.
Así o demandaron tanto BNG como PSdeG. Neste contexto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en declaracións aos medios en Bergondo (comarca da Coruña), instou a Rueda a aclarar se acudirá a esta Conferencia "como presidente da Galiza ou como mero peón da estratexia de crispación e confrontación que lle marca o PP desde a rúa Xénova".
Para Pontón, hai "moitos asuntos importantes para a Galiza en xogo", entre os que mencionou a condonacinó da débeda, o modelo de financiamento ou a mellora das infraestruturas.
De igual modo, a preguntas dos medios tras a xunta de portavoces no Parlamento galego, a viceportavoz nacionalista Olalla Rodil asegurou que "Rueda non aclara" porque "a decisión non a toma" el, senón "a dirección do PP na rúa Xénova, 13".
Pola súa parte, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG Elena Espinosa acusou os populares de "boicotear" a Conferencia prevista en Barcelona e lamentou que "van seguir facendo ruído en lugar de buscar solucións".
Sobre a asistencia de Rueda á reunión, Espinosa manifestou que o descoñecen e asegurou que se o responsábel autonómico non acode "quen está ausente é a Galiza" que, engadiu, quedará "absolutamente fóra de acordos que son moi importantes para todos os galegos e galegas".