Rueda avanza as Medallas Castelao 2023: estas son as persoas premiadas
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, avanzou esta quinta feira na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo a concesión das Medallas Castelao deste ano, nunha edición que abrangue diferentes ámbitos da sociedade: do deporte á medicina, pasando pola literatura, a música e o mundo dos negocios.
Así, as cinco persoas premiadas neste 2023 serán a atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio, a escritora Ledicia Costas, o grupo Siniestro Total —que se despediu o pasado ano dos escenarios após catro décadas—, o empresario de orixe galega Lino de Prado e o médico oncólogo Rafael López.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil que concede a Xunta e que recoñece a achega profesional e persoal de personalidades ou institucións polo seu traballo no ámbito artístico, literario, intelectual ou en calquera campo significativo para Galiza.
Este galardón entrégase cada ano o 28 de xuño, co obxectivo de conmemorar o retorno á Galiza dos restos do intelectual galeguista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.