Rueda anuncia que abrirá 51 minas galegas cos dereitos caducados
A Xunta da Galiza abrirá este 2025 a billa das explotacións mineiras cos dereitos caducados no país. Até 51 delas, das 200 detectadas nun informe previo, sairán a concurso durante os vindeiros meses, segundo anunciou esta segunda feira o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. Narolda de prensa posterior ao Consello que aprobou as diferentes propostas que se presentaron por parte das Consellarías. Na comparecencia, xustificou esta medida pola "importancia do territorio galego a nivel estatal" en materiais tan variados como cobre, tántalo, wolframino, coltán ou litio.
Sen dar datos de cales serían as explotacións que se porían a disposición das empresas, si aclarou que, a nivel provincial, "hai 17 na de Lugo, 17 na de Ourense, 10 na de Pontevedra e 7 na da Coruña".
En relación aos requisitos que se exixirían ás compañias interesadas, Rueda afirmou que no baremo que decidirá "40% ten que ver con cuestións como a valoración do impacto da zona onde se realice", iso si, sempre e cando "haxa máis dunha empresa que se presente á mesma instalación mineira".
Mina de Touro e Valedora
Este anuncio chega tras varios reveses para o Goberno galego, que lle retirou o permiso de vertedura á mina de San Fins e afronta decisións xudiciais contrarias por parte da Xustiza.
É o caso, tamén, da mina de cobre de Touro (comarca de Arzúa). Esta segunda feira, a plataforma veciñal que rexeita esta instalación, Mina de Touro-O Pino Non, acordou en asemblea intensificar as accións e actividades contar a súa reapertura. O colectivo convocou para esta terza feira unha rolda de prensa diante da sede da Valedora do Pobo, con motivo do rexistro dunha solicitude demandando que se revoque o acordo polo que se somete a información pública o proxecto, presentado pola empresa Cobre San Rafael.
Segundo denuncia a Nós Diario a portavoz da plataforma, Obdulia Lareo, existe "desamparo da veciñanza" por ver que "boa parte da documentación en exposición pública está en branco, censurada" e verse imposibilitada "para presentar alegacións". Un dos datos que non teñen é "o informe de solvencia económica e financeira, polo que non sabemos o entramado societario que hai tras a empresa". Así mesmo, decidiron rexistrar esta mesma solicitude ante á Consellaría de Economía e Industria e solicitaron reunións cos grupos do Parlamento Galego e, polo de agora, recibiron resposta do BNG co que se reunirán esta cuarta feira.
esta cuartaAlén diso, entre os días 17 e 29 de xaneiro realizarán actos informativos sobre a situación actual do intento de reabrir a mina, así como das actividades a realizar na localidades de Vila de Cruces (O Deza), Santiso (Terra de Melide), Teo (comarca de Compostela), A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes), Padrón (O Sar), Arzúa (comarca homónima), Santiago, Ribeira (O Barbanza) ou Vilagarcía de Arousa (O Salnés).
En relación ao anuncio da Xunta, Obdulia Lareo considera que a decisión é "terríbel, decidiron que Galiza sexa unha zona de sacrificio e aínda por riba aseguran que somos unha zona deprimida".
A Xunta afirma que un terzo das baixas "non están xustificadas"
Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deron esta segunda feira conta do plan especial de inspección de incapacidades temporais posto en marcha en xuño do ano pasado. Desta maneira, segundo afirmaron, 67,6% das 20.000 baixas revisadas no marco deste plan, máis dun terzo do total de 13.684, "non están xustificadas".
Ambos explicaron que as áreas sanitarias de Compostela-O Barbanza, Ferrol e Lugo-A Mariña-Monforte eran as tres con maiores índices de absentismo laboral e que, por isto, Sanidade implantou unidades de apoio para revisar todos os casos.
O caso da área da capital galega "é o máis rechamante", posto que, segundo os datos da Xunta, detectaron que "só o 44,18%" do total das baixas –menos da metade– estaban realmente xustificadas, segundo concretou o conselleiro. Na de Ferrol, a porcentaxe era de 61,34%, mentres que en Lugo, de 60,99%, dixo.
O que fixo o servizo de Inspección de Sanidade foi citar de forma presencial esas máis de 20.000 persoas que estaban de baixa –tamén persoal da Administración pública– e entrevistarse con médicos e médicas de cabeceira, engadiu o conselleiro.
Todo isto responde a un plan para "reducir e axilizar os trámites" sobre as incapacidades temporais, mais "con garantías". "As persoas que teñan unha causa xustificada, están no seu dereito (de estar de baixa), faltaría máis. Mais que estas persoas estean nesta situación e non haxa razóns obxectivas para iso provoca índices de absentismo moi preocupantes", sentenciou Rueda.