Rueda anuncia unha enquisa dixital para detectar posíbeis casos de acoso nas aulas

Aula dun Instituto de Educación Secundaria Obrigatoria durante un obradoiro sobre hábitos saudábeis. (Foto: Europa Press).

O 'Termómetro Acoso Escolar' poderase activar nos próximos días e está pensado para 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e FP.

O profesorado galego contará este curso cunha nova ferramenta para, segundo anunciou esta segunda feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, atallar o acoso escolar. Trátase do 'Termómetro Acoso Escolar', que se activará nos próximos días e "contribuirá a unha mellor detección e prevención" deste tipo de situacións.

Segundo detallou Rueda, está "orientado a previr e actuar cando se produzan os casos de acoso nos centros escolares, que teñen que seguir sendo espazos seguros e libres de calquera violencia". "Os abusóns non poden ter cabida nos colexios galegos e hai que actuar", aseverou o presidente galego.

Segundo explicou, esta ferramenta consiste nun cuestionario dixital que os docentes poderán activar en calquera momento do curso, tanto nunha aula concreta como en todo o centro, ante unha sospeita dunha posíbel conduta contraria á convivencia entre o alumnado. Deste xeito, desde este curso, os centros poderán obter información individualizada e analizar a súa situación neste ámbito e, a partir dela, deseñar e aplicar as medidas máis axustadas ás súas circunstancias.

Segundo explicou Rueda, a medida encádrase no desenvolvemento do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que este curso tamén conta coa nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar na que se está traballando, así como outras medidas que deriven dos resultados da quinta macroenquisa de convivencia, en proceso.

O 'Termómetro Acoso Escolar' é unha medida que vai na liña dos chamados puntos 'laranxa', caixas de correo físicas e dixitais para denunciar posíbeis casos de maneira anónima.

Desde 5º de Primaria

A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario 'en liña' que poderán empregar as e os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada nos últimos cursos de Educación Primaria (5º e 6º) e en ESO, Bacharelato e FP.

Despois da decisión do docente de activar o 'Termómetro Acoso Escolar', e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posíbeis casos de acoso.

Este informe, explicou Alfonso Rueda, servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

No cuestionario inclúense preguntas orientadas a detectar posíbeis vítimas ou situacións de acoso nas que o alumnado é espectador ou posíbeis persoas acosadoras tanto fisicamente como a través de internet e das redes sociais. Esta posibilidade de aplicación a demanda "permite que cada docente poida testar de maneira puntual ou periódica o clima relacional do grupo", identificando posíbeis conflitos, tensións ou situacións de risco relacionadas co acoso escolar ou a exclusión social.

Plataforma de datos

Ademais, todos os datos recollidos estarán integrados nunha plataforma centralizada xestionada pola propia Consellaría de Educación, na que se garantirá a confidencialidade e anonimización da información individual.

Esta base de datos permitirá elaborar informes globais sobre o estado da convivencia escolar na Galiza, con posibilidade de análises desagregadas por zonas xeográficas, por etapas educativas ou por centros específicos.

Deste xeito, a Xunta recalca que "se disporá dunha visión integral e dinámica" da situación, o que "facilitará a planificación de estratexias de prevención, detección temperá e actuación fronte ao acoso escolar desde unha perspectiva tanto local como sistémica".