Rueda ábrese a dialogar sobre a lingua pero mantendo os vetos ao galego no ensino

Alfonso Rueda, esta segunda feira en rolda de prensa (Foto: David Cabezón/ Xunta da Galiza)
Un día despois da multitudinaria manifestación en Compostela en defensa do galego, o presidente da Xunta da Galiza admitiu que ten "a obriga" de escoitar as achegas que lle fagan desde os sectores vencellados á lingua galega. Desde Queremos Galego, o seu voceiro, Marcos Maceira, demanda "feitos"

Tras a multitudinaria manifestación a prol do galego e en demanda de actuacións urxentes ante "emerxencia lingüística", decorrida o domingo en Compostela e convocada por Queremos Galego, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, afirmou que viu a mobilización "politizada". Na súa comparecencia desta segunda feira após o Consello da Xunta, Nós Diario preguntou ao mandatario sobre a posibilidade, tras a multitudinaria mobilización, de manter unha maior fluidez con todos os sectores relacionados coa lingua, sen exclusións -como as denunciadas nos últimos días na reunión para a reforma do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNL) por parte de entidades como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ou a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua-.

Rueda asegurou: "Por suposto que si, hai que falar con todo o mundo". Neste sentido, engadiu que "aquí hai que escoitar todo o mundo, aínda que non esteas de acordo co que se formula", coa intención de "despois poder chegar a acordos, niso consiste negociar e cambiar o status quo do que sexa".

En relación coa manifestación, Rueda apuntou que nela había "dúas posicións". Considerou que unha delas é "a dos partidos políticos, máis politizada" e a outra "a da xente que se manifesta de boa vontade que, en xeral, é o que fan as galegas e os galegos", ao tempo que reafirmou que a súa obriga "como responsábel político, é tomar notas dos que só van con interese político e dos que van con boa vontade".

Porén, ao tempo, puxo a liña vermella na "inmersión lingüística", en referencia ao decreto que limita o galego nas aulas malia os recentes datos do Instituto Galego de Estatística que certifican a caída récord de galegofalantes na poboación xeral e en maior medida na mocidade.

O  voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, Marcos Maceira, indicou a este respecto a Nós Diario que "o que queremos son feitos e estes din que organizaron un foro [en referencia á reunión para a reforma do PXNL] onde non se contou coa participación de ninguén máis que das persoas nomeadas directamente pola Xunta". Insistiu na "opacidade" da comisión que potenciou o Goberno galego, "da que descoñecemos cales son os criterios que tiveron para nomear unhas persoas e non outras". Neste caso, denunciou que "non se contou  coa participación de entidades dos sectores que contempla o PXNL". 

Maceira puxo como exemplos "as organizacións de consumidores, sindicais, do ámbito do audiovisual e das artes escénicas, de escritores e escritoras, pedagóxicas e outras como as Anpas ou os servizos de normalización lingüística". Por iso, ironizou, "se iso é o diálogo teñen unha idea do mesmo bastante curiosa". Diante disto, demandou "vontade de compromiso do que xa está aprobado e acordado hai 20 anos, non hai ningún motivo para non aplicar o que era necesario daquela". 

Sobre a "politización" e "a boa fe" da manifestación, Maceira lembrou que "de boa fe a xente pediu a intervención política para solucionar moitos dos problemas que ten hoxe en día o galego", posto que, por exemplo, "se ten menos de 0,9% de presenza na televisión é un problema político, como tamén o é que o galego estea excluído do ensino, algo que ten unha solución política".  

A liña vermella de Rueda

"Temos unha man tendida para todo o que teña que ver coa potenciación da nosa lingua desde o principio", transmitiu o presidente da Xunta esta segunda feira. Unhas afirmacións que, xunto á "liña vermella na inmersión lingüística",  para o voceiro de Queremos Galego "dependen do día en que as faga, as liñas vermellas son dos demais ou del mesmo".

Con todo, Maceira ten claro que "o Consello de Europa xa dixo que hai que eliminar todas as restricións ao uso do galego no ensino" ademais de ter en conta "o que sinala o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e a Carta Europea das Linguas Minorizadas, que aseguran que hai que garantir o ensino en galego en todo o sistema educativo e en todos os cursos".

Con esta idea, recordou "a única proposta que hai agora mesmo enriba da mesa do Goberno galego: a que fixeron no seu día diferentes organizacións sindicais do ensino, as Anpas galegas e a propia Mesa pola Normalización Lingüística".

Todo o protagonismo para a sociedade galega

En opinión de Maceira, a manifestación no Día de Rosalía en Compostela significou "o inicio dun proceso para que a sociedade colla o protagonismo que non quere asumir a Xunta na defensa do galego na reversión da situación da lingua". Para o voceiro de Queremos Galego "temos o único Goberno do Estado español que non apoia a súa lingua nin é capaz de defender a súa oficialidade na Unión Europea, coas consecuencias socioeconómicas que esta decisión ten para a Galiza".

Por este motivo, tras a formalización dos diferentes plenarios comarcais, desde a plataforma xa traballan "por un novo rexurdimento da lingua, mais neste camiño o protagonismo ten que ser da propia sociedade galega", concluíu.

"Orgullo de país" ante unha "extrema emerxencia"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, valorou esta segunda feira que a manifestación do domingo demostrou o "orgullo dun país" contra o "acoso e derribo" do PP á lingua propia da Galiza. En declaracións aos medios, Pontón instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "escoitar" as demandas das persoas que saíron ás rúas.

"Esta segunda feira (polo domingo) sentímonos moi orgullosas dun país que sae a defender a súa lingua", aseverou Pontón, que incidiu en que as demandas pasan polo cumprimento do "grande acordo" plasmado no Plan de normalización lingüística e que se "deixe atrás" o "decreto da vergoña" que fai da escola "un elemento desgaleguizador". 

"Extrema emerxencia"

O PSdeG censurou que o PP fale de "extremismos" para definir a postura das entidades, organizacións e partidos que critican a política lingüística da Xunta da Galiza e que se manifestaron este domingo en defensa de medidas para frear a caída de falantes. 

"Extrema é a situación de emerxencia do galego", aseverou esta segunda vfeira nunha rolda de prensa a deputada do PSdeG Silvia Longueira, que apelou o presidente da Xunta da Galiza a escoitar "o clamor" da "marea e chea de xente" que o domingo encheu a Praza do Obradoiro de Santiago.