Rubén Pérez (Esquerda Unida): "As coalicións electorais representan pluralidades"
O secretario xeral de Esquerda Unida e concelleiro pola Marea de Vigo, Rubén Pérez, defende un "equilibrio" de todas as formacións de cara a configurar unha coalición para os comicios galegos e fai valer o papel dos partidos.
Cal son as dificultades que están atopando nas negociacións?
Isto é a plasmación do que é en si a construción dos espazos de unidade popular. Os partidos teñen os seus procesos internos e iso é fácil, o difícil é facelo con moita máis xente. Levamos moitos anos traballando con estas marxes e hoxe todas estamos de acordo en que as coalicións electorais representan pluralidades e ninguén fala de partidos instrumentais.
Creo que é normal que non esteamos de acordo en todo, o asunto é buscar un equilibrio. Temos xa unha experiencia previa e agora trasládanse reflexións a este proceso.
Entón, hai acordo de todas as partes en facer a coalición?
Si. Aí cada un ten que decidir a súa estratexia. Esquerda Unida decidiu non ocupar o espazo do municipalismo e deixar traballar as mareas locais; e cremos que esta vez tócalle ás organizacións políticas de implantación galega ter un proxecto de país.
Mais se non é un problema de nomes é un problema de que se recoñeza o espazo do soberanismo e das mareas?
Eu tamén quero que se recoñeza que hai organizacións políticas que temos un proxecto federal e que non somos nacionalistas. O que temos que facer é conxugar esas dúas cuestións. Aquí hai que redefinir o que queremos construír porque tivemos unha experiencia fracasada no político, e non no electoral, que foi En Marea. O lóxico é que cada unha teña a súa correlación política, se defina a si mesma dentro deses espazos e que entre todas busquemos unha pluralidade.
Como valoran o chamamento á unidade de varias mareas locais?
Eu non nego a lexitimidade de moitas desas mareas, pero negar a lexitimidade de Marea Atlántica ou de Compostela Aberta paréceme, canto menos, un pouco temerario.