Rego augura que os votos ao BNG serán "chave" para "frear á dereita"

Néstor Rego e Miguel Anxo Fernández Lores, esta cuarta feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
O deputado pide un "grupo galego forte" após as eleccións do 23 de xullo para "condicionar" as políticas do Goberno español.

Dispor dun "grupo galego forte" no Congreso após as eleccións do vindeiro 23 de xullo é o obxectivo que ten entre cella e cella o BNG. Isto, en palabras do seu deputado e portavoz na Cámara baixa, Néstor Rego, permitirá "condicionar" o labor de Moncloa en favor da 'Axenda Galega' que abandeira a formación nacionalista.

E nesa listaxe de prioridades incluiranse cuestións como a reversión das concesións administrativas na Xunqueira de Alba e a promoción da súa rexeneración e conservación, "así como do conxunto do litoral de Pontevedra".

Así o adiantou esta cuarta feira Rego nunha visita á cidade do Lérez, acompañado do alcalde e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, quen destacou o traballo "incansábel" do seu compañeiro de filas desde Madrid: "Non houbo problema nin solución que o BNG non trasladase á Cámara baixa; defendeu os intereses da cidadanía da Galiza e, no concreto, da de Pontevedra".

En relación coa Xunqueira de Alba, Lores salientou que o Bloque xa demandou ao Goberno español, "mediante distintas iniciativas", a recuperación deste espazo. "O Estado debería renunciar de forma voluntaria e anticipada ás concesións que ostenta e proceder á liberación dos terreos co obxectivo de destinalos a crear unha gran zona verde", incidiu.

Pola súa parte, Néstor Rego apuntou que este caso "exemplifica por que é máis preciso que nunca que o BNG conforme un grupo galego forte en Madrid para condicionar as políticas que leve a cabo o Executivo estatal, para demandar a reversión das concesións e a recuperación da zona húmida, pero tamén para reclamar o resto de cuestións na axenda da cidade".

Na mesma liña, pediu o voto para a forza nacionalista: "Os galegos e galegas deben estar certos de que, como xa aconteceu hai catro anos, os votos do BNG serán chave para conseguir que a dereita non goberne no Estado español.